O deputado do BNG, Paulo Riós (Kai) formulou unha pregunta ao goberno sobre as previsións da consellería de Educación para reverter a situación laboral das persoas acompañantes do transporte escolar da concesionaria Monbus, na comarca de Ferrol.
O deputado instou ao goberno a exixir do grupo empresarial mellorar aas condicións laborais dos e das acompañantes do transporte escolar e de persistir na súa posición, extinguir o contrato ante as sistemáticas irregularidades.
Kai lembrou que non é a primeira vez que o BNG denuncia as irregularidades e incumprimentos de Monbus e mesmo solicitou a comparecencia da titular da consellería de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez para dar conta dos incumprimentos dos contratos públicos por parte do mencionado grupo empresarial.
O nacionalista responsabilizou á Xunta da “consolidación” do monopolio do grupo empresarial e de permitir a “instauración da precariedade no servizo público de transporte” que afecta gravemente ás persoas usuarias, pequenas e medianas empresas de transporte e traballadores e traballadoras do propio grupo empresarial.
Neste sentido, denunciou “a vulneración sistemática das condicións e dereitos laborais das persoas acompañantes no servizo de transporte escolar” na maior parte mulleres, nas condicións ofertadas polos contratos da empresa.
As traballadoras acompañantes do servizo de transporte escolar das comarcas de Ferrol e As Mariña, engadiu o nacionalista, denuncian que non se cumpren as horas mínimas, establecidas nos pregos, tampouco se cumpren as tipoloxías e modalidade de contratación, as cales eran fixas-discontinuas coa anterior empresa e despois da subrogación os contratos foron convertidos en temporais, cando a “oferta da empresa era do 100% dos contratos indefinidos para estas traballadoras”.
Por outro lado, as traballadoras tamén denuncian os atrasos no cobro das súas “cativas nóminas”, traballadoras ás que o grupo Monbus non lle aplica o convenio colectivo do transporte de viaxeiros, senón que se lles está a pagar polo salario mínimo interprofesional. As traballadoras e traballadores xa anunciaron mobilización para reclamar unhas condicións laborais xustas.
Tras a intervención do conselleiro de Educación, Román Rodríguez, o deputado do BNG lamentou que non se comprometera co colectivo afectado e afirmou que a resposta do conselleiro ampara a “decisión temeraria” dunha empresa que busca o máximo beneficio aforrando en vehículos e traballadores e para iso, modifica de maneira unilateral, os horarios de entrada e de saída das aulas, reduce os tempos de traxecto obrigando aos condutores e condutoras a aumentar a velocidade dos autobuses xa que cun só vehículo deben atender o servizo de 2 ou 3 autobuses.
Para o deputado, todas estas circunstancias son motivo sobrado para a “extinción do contrato”, concluíu.