O BNG instou hoxe á Xunta a mediar polo mantemento das condicións laborais e postos de traballo da empresa NOA MADERA na comarca de Ferrolterra, no Polígono de Vilar do Colo en Fene, así como “impulsar, no prazo máximo de 15 días, unha mesa de traballo conxunta de todas as partes para mediar no conflito”.
Para a deputada do BNG, Noa Presas, autora da proposición non de lei, esta empresa é un claro exemplo dos complicados procesos de descapitalización, tras ser absorbida no ano 2018 por Malasa. Un proceder ante o que o goberno debería presentar unha “estratexia especifica” e deixar de “mirar para outro lado e regodearse na desregularización total”.
A nacionalista esgrimiu os últimos datos de emprego para constatar “unha terciarización da economía, perda de emprego industrial, temporalidade e precariedade laboral, deslocalización progresiva e absorción por grandes grupos foráneos” e afirmou que estas condicións deben obrigar á “Xunta de Galiza a implicarse para reverter a situación e defender o emprego”.
Presas explicou que no ano 2018 os actuais donos da empresa anunciaron un ERE sobre un cadro de persoal de 250 empregados tras ser absorbida por Malasa cuxa intención era despedir a 100 persoas alegando perdas.
Naquel momento, explicou, os traballadores e traballadoras foron conscientes das verdadeiras intencións da dirección encamiñadas a “empeorar as condicións laborais, contratos temporais , desviar carga de traballo e persoal para realizar horas extras ao tempo que executaba os despedimentos e que a nova empresa pretendía facerse coa carteira de clientes de "Noa Madera Creativa", empresa dedicada á transformación da madeira e con grandes clientes como Inditex ou Adidas”.
Presas lembrou que a empresa bateu no 2018 o record de beneficios polo que resulta “difícil” crer a situación económica que denuncia Malasa pero nos últimos meses atópase inmersa nun proceso de deslocalización progresiva con movementos forzosos cara a Cerceda agochando “unha conexión dos negocios de Malasa no estranxeiro”.
Para a deputada, a verdadeira intención da empresa é “deteriorar as condicións laborais, alterar horarios e unha política do medo para que os traballadores e traballadoras marche polo seu propio pé o que permitiría contratar persoas de forma temporal e precaria mediante ETT”.O Grupo Parlamentar do Bloque Nacionalista Galego, á vista desta situación, expresa a súa rotunda oposición a que se perda calquera posto de traballo e precaricen as condicións laborais do cadro de persoal, recalcou.
Presas volveu a reclamar a mediación “urxente “da Xunta de Galiza para manter os postos de traballo e as condicións laborais pero a proposta do BNG non prosperou ao ser rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.