O BNG pide levantar o "segredo" da Comisión das Caixas

Carme Adán e Manuel Soto na presentación de alegacións ao Plan mineiro galego

A deputada do BNG, Carme Adán asegura que moitos dos documentos remitidos á comisión non conteñen sinatura nin selo e pide que se levante o “carácter reservado” de toda a documentación

Santiago de Compostela, 19 de xuño, 2013. A deputada do BNG, Carme Adán reiterou hoxe non comprender o “carácter segredo” da documentación remitida á Comisión de investigación das caixas cando a maior parte dos documentos analizados non conteñen sinaturas nin selo.

Adán lembrou que o BNG denunciou dende o inicio dos traballos a intención do Partido popular de “obstaculizar” a Comisión de investigación concentrando as comparecencias, no mesmo día, dos máximos responsables da “previa fusión, fusión e consecuencias da fusión” das caixas galegas.

A parlamentaria demandou “claridade” para investigar e anunciou que “o BNG seguirá traballando todos os días para que a poboación coñeza a realidade sobre a emisión de preferentes e concesión de indemnizacións millonarias aos directivos das caixas”.

A nacionalista realizou estas declaracións no transcurso da rolda de prensa, en sede parlamentar, para a presentación de alegacións ao documento de inicio do Plan Sectorial de Actividades extractivas de Galiza.

A saída da crise económica non pasa por converter “Galiza nunha mina a ceo aberto” .

Na comparecencia ante os medios de comunicación, Carme Adán e o responsable de Medio Ambiente do BNG, Manuel Soto pediron a retirada do documento do Plan mineiro de Galiza e a elaboración dun novo coa coa participación e consenso dos axentes que deben formar parte do Consello Galego da Minería como reflicte a lei 3/2008.

Na súa intervención, Soto indicou que Galiza conta cun gran sector da minería en granito e feldespato pero o que aparece nos últimos anos son numerosos proxectos para a extracción de ouro ante o incremento do seu prezo nun momento de crise.

Novos proxectos mineiros para esquilmar os recursos galegos

Os novos proxectos de extracción deste mineral, denunciou, “entran a saco con métodos impactantes” nun país sen “protección nin ordenación dos recursos e medidas de seguridade”.

Neste sentido, engadiu que dende o punto de vista económico, esta actividade non é coordinada nin estruturada dentro do sector produtivo industrial galego porque a súa única finalidade é “a extracción destes recursos nun período de tempo moi curto”.

O responsable de Medio ambiente do BNG salientou que no Plan de Actividades Extractivas os sectores afectados permaneceron á marxe, mentres a Cámara mineira, (sector empresarial), si estivo presente.

Manuel Soto considerou que resulta fundamental crear o Consello da Minería de Galiza para avanzar nunha política mineira na que tamén participe a cidadanía e reiterou que deben ser establecidas as bases para “ unha minería sustentable”.

Finalmente, Soto reiterou a necesidade de defender o medio ambiente, a agricultura e marisqueo así como o turismo rural e o mantemento do emprego ligado á conservación da natureza polo que reiterou a retirada do Plan mineiro de Galiza.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG