O BNG presentará unha batería de iniciativas parlamentarias en relación á compra da filial española de Caixa Geral de Depósitos por parte de ABANCA, e pide ao Goberno de Feixóo que abandone a súa inacción política e interveña para minimizar o impacto deste novo episodio de concentración bancaria que implicará destrución de emprego e unha peor atención á clientela.
“Estamos ante un paso máis na concentración bancaria que é tremendamente negativa desde o punto de vista da competencia, da economía, que reduce actores no sector bancario, implica perda de servizos e perda de emprego e diante desta situación a Xunta debe deixar de estar ausente e Feixóo debe explicar os pasos que ten dado”, indicou a deputada Montse Prado, que xunto coa portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, analizaron a situación deste proceso de adquisición coa responsable de CIG-banca, Sefí Romero, o responsable sindical da CIG en ABANCA, Clodomiro Montero, e o responsable sindical da CIG na Caixa Geral de Depósitos, Xavier Fernández.
Este novo episodio de concentración pon en xaque 131 postos de traballo directos en 35 oficinas que, todo apunta, serán pechadas coa conseguinte destrución de emprego, unha sobrecarga para os e as traballadoras que queden ou que asuman a carga laboral das oficinas que se pechen e, en consecuencia tamén, derivará tamén nunha peor atención a clientela.
Ademais, este proceso de compra conta coa particularidade de afectar a unha entidade que era clave na relación entre empresas de Galiza e Portugal e, polo tanto, clave nas relacións económicas que manteñen empresas de ambos países.A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presas, sintetizou as consecuencias para Galiza desta operación.
“En primeiro lugar, aumenta a concentración bancaria, -que en Galiza xa rexistra ratios por riba da media do Estado e da UE-, e fortalece un lobby capaz de condicionar até decisións xudiciais como vimos na recente sentenza en relación ás hipotecas. En segundo lugar, implica unha destrución de emprego e, como terceira consecuencia negativa, prexudica aos usuarios e usuarias, porque reduce a oferta e favorece a exclusión financeira porque hai menos portas ás que poder chamar para solicitar un crédito”.
Neste contexto, avanzou Presas, o BNG vai presentar unha sería de iniciativas no Parlamento e demanda da Xunta “que se implique, porque ten competencias exclusivas en materia de consumo e debe tomar medidas para que este novo episodio de concentración non afecte nin as persoas usuarias nin as pequenas e medianas empresas”, argumentou.
“Ten que haber unha implicación activa do Goberno galego na negociación para que as consecuencias sobre o emprego e sobre o peche de oficinas non sexan graves e non volvamos vivir situacións como as que nos trouxo o proceso de venda do Popular- Pastor mentres Feixóo practica a inacción e a técnica da avestruz ante problemas tan importantes para a nosa economía”, denunciou Presas.
A formación nacionalista considera preciso unha maior protección do consumidor e para iso pide tamén unha maior actuación do Instituto Galego de Consumo “hoxe condenado ao ostracismo”.