O BNG pide impedir o paso polas costas galegas do buque Sevmorput, avariado e propulsado con enerxía nuclear

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez sinala  que o buque  navega cara Rusia dende as Illas Canarias e ten previsto pasar  polo corredor de Fisterra nos vindeiros días

A deputada do BNG, Rosana Pérez rexistrou unha batería de iniciativas co fin de instar á Xunta a demandar do goberno do Estado iniciar as accións necesarias para que o buque Sevmorput que navega, “avariado”  cara Rusia non pase pola costas galega ante o grave risco que  pode ocasionar.

O buque emprega emerxía nuclear e ten previsto  aproximarse  nos vindeiros días ao corredor de Fisterra baixo a  alerta de ventos de forza oito, ondas de até cinco metros de altura e dificultades na navegación pola avaría o que fai imposible determinar a súa chegada exacta á  costa galega.

Rosana Pérez destaca que as costas galegas levan acumulados nos últimos anos innumerables e graves accidentes marítimos e a pesar do acontecido “o goberno continúa sen tomar  medidas”.

“Se a fatalidade fixese coincidir unha avaría total do Sevmorput ao seu paso polo corredor de Fisterra con temporal, como é habitual nestas datas, poderiamos estar, de novo, ante  unha catástrofe, mais agora con risco nuclear”, afirma a deputada nacionalista.

Mariña Mercante anunciou que está a facer seguimento da ruta do buque pero  polo momento non se tomaron medidas  para evitar que entre en augas da zona económica exclusiva do Estado e non existe ningunha previsión no  caso de que o barco deba ser levado a porto por non poder  continuar navegando.

Segundo a nacionalista,  o Sevmorput non debe acceder  ás augas das costas galegas nin empregar as  rías como porto refuxio. Na súa opinión, resulta  imprescindíbel a monitorización continúa sobre a situación do buque,  emprazamento exacto e a  evolución da avaría en tempo real. Ademais, “os medios de salvamento, tanto aéreos como navais, ubicados en Galiza deberían estar en alerta para actuar con axilidade no caso dunha eventual situación de alarma”.

A coordinación e colaboración dos medios do Estado, de quen dependen as competencias en salvamento marítimo, e dos pertencentes á Xunta de Galiza  e adscritos ao Servizo de Gardacostas, resulta non só lóxica senón que, nestes casos,absolutamente imprescindíbel en previsión de indesexábeis consecuencias.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG