O BNG pide a Feixóo que convoque aos líderes políticos a un acordo de país a favor de Galiza no reparto dos fondos da UE

FOTO MIRANDA E RODIL 2 (1)
FOTO MIRANDA E RODIL 2 (1)

Miranda advirte da posible perda de recursos dos fondos “clásicos” e da importancia ser áxil na presentación de proxectos para non quedar atrás

Rodil pregúntase onde está o presidente da Xunta nunha xornada clave para o futuro de ALCOA e cando hai miles de empregos en xogo

Advirten do risco dunha centralización dos fondos prexudicial para Galiza e de que estes se vinculen a novos recortes en dereitos e prestacións

O BNG lamentou o papel xogado polo presidente da Xunta en funcións na conferencia de presidentes na que se abordou a distribución do fondo europeo de recuperación, -140.000 millóns de euros-, limitándose a “cruzarse de brazos e escoitar”, pero sen poñer sobre a mesa nin unha soa proposta en relación ao que debe recibir Galiza, nin proxectos ou prioridades estratéxicas subvencionables con cargo a ese fondo.

“Se Feixóo carece de propostas o BNG ten alternativas”, indicou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, quen reiterou a petición formulada pola portavoz nacional, Ana Pontón, para que o xefe do Executivo convoque aos líderes das forzas políticas en aras a consensuar un acordo de país que reforce a posición de Galiza tanto no Estado como na UE, un gran pacto no que tamén deben participar os axentes económicos e sociais para plasmar negro sobre branco a estratexia,  prioridades e propostas que lle permitan a Galiza maximizar a recepción de fondos da UE.

Neste sentido, a portavoz parlamentaria en Bruxelas, Ana Miranda, fixo unha dobre advertencia: que a falta de iniciativa demostrada até agora polo Goberno do PP pode saírlle moi cara ao país e, tamén, chamou a atención sobre o feito de que pese a importancia do fondo de recuperación non se poder perder de vista os fondos “clásicos”, - en referencia a PAC, fondos de cohesión, FEMP, ou FEADER-, que integran o marco financeiro plurianual  (MFP) para o período 2021-2027.

“Estes fondos experimentan en liñas xerais un significativo recorte e son partidas de gran importancia para Galiza porque afectan a sectores produtivos estratéxicos, -como por exemplo o sector agrario e pesqueiro-, ou na cohesión territorial e recuperación do medio rural, por iso é clave conseguir que o noso país reciba o que lle corresponde dada a súa situación económica e social tras a crise derivada da pandemia”, indicou Miranda.

A portavoz na UE denunciou, ademais, que o Goberno do PP está entre os que presentan un peor nivel de execución das partidas comunitarias. “É fundamental que Galiza non perda ingresos dos fondos europeos clásicos porque son estratéxicos”, recalcou, ao tempo que facía fincapé na importancia de que o Executivo galego “sexa áxil á hora presentar e tramitar os proxectos que aspiren a ser financiados para non perder cartos, os territorios máis rápidos e eficientes presentando proxectos terán máis oportunidades”.

Pero a Xunta de Feixóo non se ten caracterizado pola axilidade na execución dos fondos europeos, advertiu Miranda, de tal xeito que aínda quedan sen gastar partidas que chegaron con cargo ao marco financeiro plurianual 2014-2020.

“Por poñer exemplos, o FEDER con 913 M€ a día de hoxe un 37% aínda non se  gastou, Fondo Social Europeo só está executado o 38% e no caso do FEADER o executado é só do 55%”, indicou, “é un goberno totalmente ineficaz na xestión dos fondos europeos como sinalou o Tribunal de Contas en 2016 que dixo que Galiza está na cola na media europea en execución de gasto”.

Miranda considera moi grave que Feixóo non “unha folla de ruta” en relación aos fondos da UE, mentres que outros territorios mesmo teñen presentado plans estratéxicos con cargo ao fondo de recuperación. Ademais, tanto Miranda como Rodil advertiron do risco de “recentralización” dese fondo porque vai ser o Estado o responsable da súa xestión e distribución, “e senón presionamos, senón presentamos proxectos outros territorios sairán mellor parados”, indicou Miranda.

Sen iniciativa ante os retos de futuro

“Se algo quedou claro na conferencia de presidentes é que o Estado vai manter unha posición centralista e arrogarse para si a xestión e tutela dese fondo e xa sabemos que, co centralismo, Galiza sempre perde”, salientou Rodil, “e Feixóo non dixo nada nin sobre cal debe ser a contía, nin criterios de distribución, nin proxectos estratéxicos o que mostra un Goberno sen iniciativa nin impulso para liderar os retos que temos por diante”.

De feito, Rodil preguntouse onde está o xefe do Executivo nun momento en que se repiten os rebrotes, en que o inicio do curso escolar está en pleno caos ou no que está en xogo o futuro de ALCOA-San Cibrao.

“Volvemos preguntarnos onde está o presidente galego, onde esta Feixóo nas 24 horas que van ser claves para o futuro de ALCOA, para o futuro de miles de postos de traballo? Porque senón está nunha reunión clave como está daquela xa non sabemos que é o que ten pasar para que se sente na mesa”, interpelou Rodil. O BNG insiste na nacionalización, a través da intervención do Estado e da Xunta, e cunha tarifa eléctrica galega que poña fin ao espolio enerxético.

“En todo caso, e ante a posibilidade dunha oferta privada de compra, esperamos que non sexa utilizada polos gobernos central e galego para  poñerse de perfil e botar balóns fora, que se aseguren de que non se paran as cubas, e de que non se repite o desastre de compravenda ao que xa asistimos coa fábrica de ALCOA na Coruña”, indicou.

Prioridades a financiar con fondos UE

Entre as cuestións que o Bloque considera prioritarias: avanzar nun modelo económico “verde e sustentable” que recolla unha transición enerxética xusta, aposta pola dixitalización como elemento tanto económico como social, -“vimos na pandemia a importancia desta cuestión no teletraballo o na educación”, indicou Miranda. Igualmente, aposta polo público, tanto no ámbito dos servizos, -sanidade, educación, coidados dos maiores-, como tamén como motor económico a través duns orzamentos con investimento produtivo.

Recuperación do rural apostando polo equilibrio territorial e, prioritario tamén, avanzar nunha sociedade cohesionada, xusta e igualitaria. Neste sentido, o BNG estará vixiante para que a chegada de fondos europeos non se vincule a novos recortes de dereitos sociais ou laborais.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG