A portavoz parlamentaria de Educación, Olalla Rodil, pide ao titular de Educación que compareza de urxencia na Cámara para explicar o peche de centros escolares en diferentes lugares do país, nunha decisión “unilateral” por parte do Goberno galego. Esta petición pola vía de urxencia foi rexistrada conxuntamente por todos os grupos políticos da oposición.
“A Xunta non negociou con ningunha das partes afectadas, -ANPAs, docentes e organizacións sindicais-, nin informou da decisión até a véspera do fin de curso”, salientou Rodil, no que considera “un exemplo máis da política educativa do PP marcada polos recortes de centros e de persoal na educación pública, mentres reserva 1.550 millóns de euros á privado-concertada”.
A deputada traslada o apoio do Bloque a todos os centros afectados por esta decisión unilateral de peche: CEIP Emilio Novasqües (Outes), CPI Monte Caxado (As Pontes), CEIP da Ribeira (O Porriño), que recibiron a comunicación por parte da Xunta. Igualmente, traslada o respaldo da formación nacionalista ao Tomás de Lemos (Ribadavia) e ao IES de Celanova nos que se anunciou a supresión da ESO e de 10 postos docentes respectivamente.
“É absolutamente inadmisíbel, tanto no fondo coma na forma, a actuación do Goberno galego, e desde o BNG pensamos que a Consellaría de Educación ten que explicar esta actitude hostil e alevosa contra o ensino público”, salientou Rodil, de aí esta solicitude de comparecencia urxente no próximo pleno, xunto cunha batería de iniciativas para garantir o mantemento destes centros, da oferta educativa e máis dos postos de traballo no vindeiro curso académico, “como reclaman familias e docentes”.