- Acusou ao PP de “pasarse polo arco de triunfo” o Plan para a Igualdade financiando un modelo educativo propio do franquismo
O BNG reclamou no Parlamento a supresión da orde do 14 de marzo pola que a Xunta blinda 1.550 millóns de euros para financiar o ensino privado-concertado incluídos aqueles centros segregacionistas que discriminan ao alumnado por sexo.
Amparados na “moribunda” LOMCE, denuncia a portavoz de Educación, Olalla Rodil, o orzamento previsto nesa orde compromete investimentos ata agosto de 2023 superando a actual lexislatura, “para seguir cebando a escola privada cos cartos das traballadoras e traballadores deste país, mesmo en cidades e vilas nas que sobran prazas na escola pública”.
Por contra, o ensino público perdeu 2.000M€ e 1.500 docentes desde a chegada de Feijóo á Xunta e pecháronse 59 escolas públicas mentres aumentaron en 243 as unidades concertadas. “Isto chámase proceso de substitución dun modelo de ensino por outro”, denuncia.
Rodil chama a atención sobre o feito de que esta orde supón tamén ignorar o propio plan de igualdade educativa do PP, xa que o financiamento inclúe aos centros segregacionistas con subvencións que pasan de catro a seis anos.
“O seu plan do que tanto fachendean pásano agora polo arco do triunfo” financiando centros que separan por sexo como se facía no ensino franquista, alegou. “Vostedes darían de comer ás súas fillas nunha mesa separada dos varóns só polo feito de seren mulleres aínda que as alimentasen supostamente coa mesma comida?, interpelou Rodil á bancada popular.
“É un atentado contra a igualdade desde todos os puntos de vista e atende exclusivamente a preceptos ideolóxicos e de fanatismo relixioso”, reiterou Rodil. “Esta orde de concertos mantén un modelo de sociedade que desde o BNG traballamos para que fique como o que é: un anacrónismo que non ten cabida ningunha na sociedade actual”, tras lembrar que estamos en abril de 2017 “por se alguén pensaba que viaxaramos ao pasado e espertaramos en 1947”.
O noso país merece unha escola pública de calidade, dotada de recursos docentes, materiais e económicos suficientes e non centros de ensino de segunda. “Quen opte polo ensino privado, respectable, pero que o pague cada quen”, concluíu.