A deputada do BNG, Carme Adán cualifica de "inconcibible" que a comida para os comedores escolares galegos viaxe de Málaga a Arousa e de Málaga a Cuntis
A deputada do BNG, Carme Adán anunciou, en sede parlamentar ante os medios de comunicación, o rexistro de diversas iniciativas demandando da consellería de Educación explicacións da situación dos comedores escolares e que interveña Sanidade.
A parlamentaria lembrou que existían denuncias sobre o mal estado da comida e non se actuou. Nos podemos aceptar, afirmou, que criterios económicos nos concursos na licitación dos comedores escolares primen sobre a calidade da comida. A deputada preguntou se non hai empresas en Galiza suficientes para dar de comer aos nenos e as nenas e con produtos da terra para que a comida teña que percorrer mil quilómetros e chegar en mal estado.
Adán anunciou que o BNG ven de rexistrar unha iniciativa, polo trámite de urxencia, para que a consellería de Educación revise a súa política de externalizar o servizo. A calidade da comida, explicou a nacionalista, era moi boa cando se facía nos propios centros e polo persoal da consellería e neste momento constatamos que os caterings son un verdadeiro problema. Cremos, engadiu, que alimentación dos máis pequenos debe ter a maior calidade polo que rexistramos unha iniciativa para que Sanidade actúe revisando todos os servizos e elaborando un plan de calidade dos comedores escolares primando os produtos galegos de calidade, peixe, carne, patacas... e que o caldo non viaxa dende Málaga a Arousa ou dende Málaga a Cuntis.
A deputada concluíu reclamando unha explicación rápida das consellerías de Educación e Sanidade ante o que cualificou de situación escandalosa .