BNG pide explicacións ao goberno sobre o cumprimento do Pacto ambiental entre a Xunta e ENCE e a execución do investimento incluído no acordo

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará acusou ao Partido popular de utilizar os fondos do Plan ambiental de ENCE para financiar a campaña electoral do PP e tentar  derrotar o goberno municipal nacionalista de Pontevedra

O BNG, a través do deputado Luís Bará pediu explicacións ao goberno sobre o cumprimento do “pacto ambiental” asinado  entre a Xunta e ENCE,  o 28 de xuño do ano 2016 coa obriga da empresa  a realizar diversos investimentos tras a concesión “irregular” dunha prórroga extraordinaria para que permanecera en Lourizan por “60 anos máis”.

O pacto ambiental, engadiu o nacionalista,  prevía a creación dunha comisión mixta de seguimento  e “investimentos por valor de 30 millóns de euros para a mellora da eficiencia no complexo industrial de Lourizan” e o  investimento de 15 millóns de euros no tratamento e rexeneración de augas no complexo e investimentos realizados ao abeiro do programa marco de actuacións de carácter social e ambiental, dotado con 3 millóns de euros anuais.

Por outra banda, tamén incluía o  investimento de 15 millóns de euros na ampliación e modernización da EDAR dos Praceres, 16,6 millóns de euros na creación dun Centro de investigación e desenvolvemento especializado na explotación sustentábel dos recursos forestais, investimento na construción dun novo centro de coxeneración de biomasa nas instalacións de Lourizán, así como de tres novos centros de bioenerxía en diferentes puntos de Galiza.

Tras  6 anos da sinatura do acordo, asegurou o deputado do BNG,  “non foron cumpridas varias actuacións e o goberno galego debe responder e ofrecer información ao respecto”. Neste sentido, repreguntou polo grao de cumprimento do devandito pacto ambiental.

Tras a resposta da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez que aludiu ás autorizacións ambientais e non ao cumprimento do pacto ambiental motivo da pregunta do BNG, o nacionalista replicou que  no ano 2008 a empresa contaba cunha concesión até o 2018 pero ante a proximidade do remate da concesión o Partido popular concedeulle “unha prorroga ilegal” que posteriormente  foi anulada pola Audiencia Nacional. Vostedes, dixo, concederon esta prorroga “cun goberno en funcións”. Dende o BNG, dixo, volvemos a preguntar polo pacto do ano 2016, pola comisión de seguimentos, os informes e se foi cumprido ese pacto, pero unha vez máis a titular de Medio Ambiente volve a eludir responder.

 

Na súa intervención,  Bará tamén lembrou que aínda non lle foi entregada ao BNG a documentación requirida a través do artigo 9 pero sabemos con certeza, afirmou  que “non existe ningún informe, nin fixeron seguimento” da execución das condicións do pacto ambiental. O que realmente lle preocupaba ao PP, insistiu o deputado do BNG non era o investimento de  193 millóns de euros e as plantas de biomasa prometidas, o que si lle preocupaba era “ que no ano 2019 ENCE deixara de financiar con “tres millóns de euros” a varias comarcas da provincia de Pontevedra e sobre todo, porque o reparto deses fondos eran decididos “na sede do Partido popular de Pontevedra” e se destinaban á campaña electoral. “Con eses fondos gañaron dous concelleiros e pretendían cos mesmos fondos derrocar o goberno de Pontevedra” recalcou o parlamentario. Neste sentido, lembrou que o Partido popular ocupa a oposición dende hai máis de dúas décadas e “nin con todo o diñeiro de ENCE” van a conseguir derrotar ao goberno municipal do BNG, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG