parlamento galego

BNG pide excluír ao sector da pesca artesanal galega do novo Regulamento de Control da Pesca da UE

Rosana Pérez
Rosana Pérez
Rosana Pérez cualifica de “inxustificable” un novo control que obriga ao sector ao envío de datos de capturas diarias e de forma individual cando o marisqueo xa está regulado e a Xunta conta con “competencias exclusivas” nesta materia

A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez insta á Xunta a demandar do goberno do Estado e da UE, a excluír do novo Regulamento de Control da Pesca ao sector artesanal galego.

A parlamentaria lembra que a Federación de confrarías galegas  alerta, a través dun comunicado feito público esta fin de semana, das consecuencias negativas sobre o  sector pesqueiro galego tras a recente aprobación do Regulamento de Control da Pesca no Parlamento europeo.

Nunha na reunión  coa Dirección Xeral de Pesca e Acuicultura, do Ministerio de Agricultura e Pesca, para tratar o novo Regulamento, as confrarías foron informadas de que as persoas dedicadas á pesca “sen buques” tamén terán a obriga de enviar os datos de capturas diarias de forma individual.

A deputada nacionalista remarca que o colectivo de mariscadoras e mariscadores a pé xa está regulado nos plans de explotación aprobados pola Consellería do Mar. O marisco é pesado e controlado nas lonxas pero, unha vez máis, “a lexislación de pesca europea ignora a realidade e as condicións de traballo da nosa frota artesanal” e nomeadamente do colectivo de mariscadoras e mariscadores a pé, aos que pretende poñer normas mesmo “traballando en augas interiores e, na inmensa maioría dos casos, en praias que apenas distan das lonxas, onde se pesa e se rexistra o produto”.

Por outra banda, explica que son as  propias confrarías e agrupacións de mariscadoras e mariscadores as que levan a cabo todo tipo de actuacións de control e salvagarda do medio mariño e das especies das que viven. “Están suxeitas a cotas máximas de capturas, existen puntos de control da actividade, e vixilancia dos bancos marisqueiros por parte do propio sector”, afirma Rosana Pérez na iniciativa rexistrada no Parlamento galego.

A maiores, engade que os bancos marisqueiros están delimitados por especie comercial, coñécense os niveis de capturas de cada unha, analízase o resultado do esforzo pesqueiro ao que están sometidas e existen períodos de autorización tendo en conta os  datos científicos.

O sector do marisqueo é un sector  suxeito a medidas de regulación, supervisión, comprobación, inspección e vixilancia que  garanten a súa sostibilidade. Polo tanto, intensificar os controis por parte doutras administracións cando Galiza conta con “competencias exclusivas” nesta materia, en opinión da deputada resulta, “inxustificable”

Por outra banda , denuncia que a propia Unión Europea continúa poñendo trabas  para recoñecer ao sector marisqueiro e ás confrarías á hora da súa inclusión en determinadas axudas de fondos europeos, ao que agora, afirma, temos que sumar unha regulamentación contraria ao sector e ás circunstancias e condicións nas que desenvolve a súa actividade.

A parlamentaria pide ao goberno galego que interveña ante este “novo atropelo” e impida someter ao sector marisqueiro a máis trámites e prexuízos económicos.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG