Cosme Pombo : Volven as reválidas do franquismo para uniformizar o sistema educativo con criterios centralizadores
Pleno.- O parlamentario do BNG, Cosme Pombo asegurou que a LOMCE naceu morta e hoxe houbo unha nova mostra de rexeitamento a esta lei nociva para o ensino galego que agora reincorpora as reválidas franquistas.
Na interpelación ao conselleiro de Educación, o deputado do BNG afirmou que as novas reválidas son requisito imprescindible para acceder ao seguinte ciclo, pero o obxectivo é outro, establecer as características xerais das probas de avaliación final das probas de educación primaria, secundaria obrigatorias e máis o bacharelato. Volven outra vez as reválidas do franquismo baixo criterios comúns a todo o territorio do Estado que nos pretende uniformizar a todos.
A Comunidade educativa galega, engadiu, rexeitou hoxe a reválida no terceiro de primaria, e contra unha lei que impide a educación de todo o alumnado e busca mercantilizar e privatizar o ensino ademais de desterrar a igualdade de oportunidades
A LONCE,dixo, afonda nesta recentralización e resulta especialmente nociva para o ensino galego. Outras Comunidades Autónomas, explicou, presentaron recursos contra a LOMCE por invasión de competencias educativas e mesmo acadaron acordos co ministerio para que fosen respectadas as súas linguas mentres Galiza asumía sen rechistar os ditados do Ministro Wert.
O parlamentario preguntou ao titular de Educación, Roman Rodríguez, se considera que o real decreto respecta as competencias galegas e se Galiza vai reclamar a retirada das probas finais de educación primaria, secundaria e Bacharelato.
O conselleiro,pola súa parte, negou que as probas sexan reválidas e acusou ao BNG de criticar todos os programas que se poñen en marcha en Educación, vostedes fan un chamamento ao boicot sen fundamento académico e pedagóxico. As probas, recalcou, son beneficiosas para o alumnado
Na quenda de réplica, Cosme Pombo, dixo, haga como yo, decía Franco,no hable de política en alusión á acusación do deputado do PP, Hipólito Frariñas, que o BNG politiza os problemas no Parlamento galego.
Tras a ironía, Cosme Pombo afirmou que non se fixo nada para que na LONCE se respectaran as competencias no ensino galego como tampouco nada fixo o conselleiro para reclamar novas competencias. A xustiza social mídese pola calidade do sistema educativo obrigatorio e coas reválidas non se busca esa calidade, concluíu.