parlamento galego

O BNG pide diálogo á Xunta cos sectores afectados pola PAC e reunirse cos portavoces parlamentarios da Comisión de Agricultura

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira salienta a incerteza no rural galego ante a dilatación do tempo nas negociacións e as consecuencias do Brexit e a COVID19

A deputada do BNG , Carme Aira formulou unha pregunta ao conselleiro de Medio Rural ante a “incerteza” dos sectores afectados polas  negociacións da PAC ao que sumou as consecuencias do Brexit e da Covid19.

A parlamentaria nacionalista pediu á Xunta “diálogo co sector”  e unha reunión cos portavoces parlamentarios da Comisión de Agricultura, Montes e Alimentación para valorar as negociacións e criticou o “escurantismo da consellería”  ante a constante ameaza de recortes para a PAC nos orzamentos europeos. Ao mellor, dixo paradoxicamente a COVID está vez causa o efecto contrario.

A nacionalista lembrou que o conselleiro convocou aos portavoces da comisión 7ª e reprochou que só lle  dedicara  á PAC a insistencia no proxecto de embalsar os xurros, apoio para os soutos, favorecer o viñedo, horticultura e froitas, así como unha importante inversión en castiñeiros e oliveiras para a zona do Courel e Ourense.

Dende o BNG consideramos que debemos ser convocados para falar de cuestións concretas e sobre todo da posición do goberno galego para defender “as singularidades propias do noso territorio e polo tanto da nosa agricultura e gandaría e  de como precisamos fondos suficientes para producións  diferentes ás de Castela ou do Mediterráneo”.

Xa recolliamos na nosa pregunta que é imprescindible un plan estratéxico do novo programa para este período que  recoñeza estas particularidades  e sexa eficiente na resolución de problemas e necesidades porque ata o de agora “estas necesidades non foron cubertas cos fondos da PAC, moi probablemente, porque non se deu a batalla que había que dar”, recalcou a deputada do BNG.          

Sabe vostede perfectamente que o reparto dos fondos para Galiza  inxusto por iso queremos saber que está a facer dende a Consellería para “corrixir esa discriminación histórica” e espantar a sospeita de que a súa actuación en Madrid poida ter máis que ver con servir aos intereses do PP estatal e dos seus amigos latifundistas que  servir aos intereses de Galiza.

Tras a intervención do conselleiro, José González Vázquez, a parlamentaria do BNG insistiu en que a política de transparencia dende o goberno da Xunta se limitase a “vender unhas liñas de actuación  de repartos inxustos para Galiza en beneficio de grandes corporación empresariais” como a centralización da xestión de xurros para Coren ou viscosa para ENCE. Dende o BNG tememos,  que unha vez máis, a PAC dedique fondos ao Mediterráneo en detrimento de proxectos coherentes que permitan un medio rural sostible, habitado e con  retribucións dignas.

Vostede, dixo a deputada,  comprometeuse publicamente a negociar antes o que se defendería en Madrid. Sabemos que hai un comité experto da universidade facendo un traballo, pero descoñecemos cal é e que peso lle vai dar para a negociación e  nin sequera sabemos o que vai defender a respecto dos ecoesquemas é a posición da Xunta a respecto da redución das comarcas agrarias, así como o  tratamento que se lle dará aos pastos arbustivos.

Queremos un documento sobre o que se poida debater e queremos que compareza a petición propia no Parlamento Galego para dar explicacións sobre todo isto, sería un bo xesto que denotaría respecto polo rural galego e pola súa poboación, concluíu.

         

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG