A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil pediu ao secretario xeral de Política Lingüística cumprir a lei Paz Andrade e dotar de profesorado especializado en portugués para manter a aprendizaxe nos centros galegos de ensino. Trala comparecencia de Valentín García para informar do fomento de lazos lingüísticos e culturais de Galiza co mundo da lusofonía, a nacionalista indicou que mentres en Estremadura existe unha aposta real para o ensino desta materia cun alumnado que alcanza a máis de 10.000 persoas , en Galiza “non chega nin a metade”.
A nacionalista asegurou que hai que dotar de estabilidade o ensino en portugués e a Lei Paz Andrade, tras dous anos de aprobación, constata como non existe unha estratexia para ampliar a lingua portuguesa en Galiza.
Rodil puxo algúns exemplos de centros nos que se imparte portugués para denunciar que o ensino de portugués interrómpese ao rematar a interinidade do docente, ao igual que aconteceu cos departamentos desta lingua. Para dotar de estabilidade a incorporación da lingua portuguesa ao ensino, dixo, debe ser regulada cunha normativa que acompañe a posibilidade de crear unha sección bilingüe que non dependa da “fortuna” da persoa que imparte esa materia porque isto, criticou “seguro que non acontece nunha sección bilingüe en inglés”
A Lei Paz Andrade asentaba “unha aposta estratéxica e decidida” e non a vemos despois de dous anos da súa aplicación, polo que volveu a insistir na dotación orzamentaria e de prazas na convocatoria da oferta pública de emprego deste ano.
Por outra parte, tamén se referiu á recepción das radio e televisión pública portuguesa en Galiza que segue sen estar normalizada, situación da que responsabilizou, tanto ao Estado español como a Xunta de Galiza.
Para a deputada, “a lingua e cultura tecen unha rede” para abordar cuestións políticas ao máis alto nivel que afectan a ámbitos como a pesca, agrogandeiría, comercio internacional, relacións diplomáticas ou política exterior.
A parlamentaria reiterou que Galiza, “non pode perder a oportunidade” de formar parte do espazo natural da lusofonía porque lle abre grandes oportunidades en termos económicos e comerciais internacionalmente e instou á Xunta a que traballe pola incorporación de Galiza á Comunidade de Países en Lingua Portuguesa (CPLP), como “membro observador asociado”.