Tereixa Paz defendeu unha Proposición de lei para solicitar a modificación do artigo 182.2 da lei electoral cara unha verdadeira rexeneración democrática e contra a pretensión do PP cunha reforma electoral para blindar a corrupción
Pleno.- A deputada do BNG, Tereixa Paz defendeu hoxe unha Proposición de lei que o PP rexeitou , en solitario, impedindo a súa toma en consideración para seren trasladada ao Congreso dos deputados.
A maioría absoluta do Partido popular tumbou a iniciativa nacionalista que foi apoiada polo resto dos grupos da oposición por considerar que a reforma electoral prevista polo PP representa un grave golpe á democracia elixindo alcalde ao cabeza de lista más votada.
Na súa intervención, a parlamentaria do BNG cominou ao Parlamento galego a dar un paso político cara adiante e poñer fin a infamia de designar membros que non se someteron a ningún tipo de referendo popular. A deputada argumentou que as excepcionalidades do artigo 182.2 que o BNG quere modificar, xa non se producen. A reforma electoral do PP, afirmou, só persegue defender os intereses do Partido do Goberno disposto a levala adiante, sen dialogo e consenso.
Tenso debate entre Tereixa Paz e a popular Paula Prado
Tras a intervención da portavoz popular, Paula Prado, exconcelleira do concello de Santiago salpicada pola operación Pokemon que condenou a sete concelleiros por prevaricación, a deputada do BNG respondeu ironicamente que PP rexeita a iniciativa nacionalista porque ten a intención de suplir a Paula Prado no Parlamento cando teña que dimitir se o Tribunal Superior de Xustiza decide finalmente investigala pola súa etapa como concelleira no concello de Santiago de Compostela.
Paz reiterou que a proposta de lei nacionalista quere eliminar da lexislación a posibilidade de que cargos non elixidos pola cidadanía poidan ocupar algún ámbito de representación. O BNG nin promoveu nin aprobou a actual lexislación, afirmou, máis ben parécelle unha infamia en termos democráticos e criticou que a deputada popular, Paula Prado recorrera a todo o mapa de Galiza para atopar tres portavoces municipais da oposición nomeados a través do 182.2 da Lei Orgánica Electoral porque nós, dixo, con subir a rúa do Hórreo atopamos a sete concelleiros e un alcalde populares que non foro elixidos pola cidadanía.
A parlamentaria asegurou que vivimos en tempos de descomposición do Estado e do sistema político e o PP coas súas reformas contribúe a privar á cidadanía da participación, dánlle máis poder unipersoal aos alcaldes e as deputacións que nin sequera son elixidos democraticamente.
Tereixa Paz lamentou que o PP rexeitara a iniciativa nacionalista que impediría unha situación legal con carácter excepcional pero que se está a aplicar de maneira xeral pervertendo a democracia e a decisión da cidadanía para elixir aos seus representantes.