A deputada do BNG, Montse Prado formulou hoxe unha pregunta ao goberno sobre a carencia de persoal sanitario na comarca das Mariñas e que afecta aos concellos de Abegondo, Aranga, Betanzos, Bergondo, Coirós, Irixoa, Miño, Oza-Cesuras e Paderne.
Prado denunciou o “crecente deterioro” sanitario da comarca que achacou a unha decisión política dos gobernos do Partido popular. Por outra banda, trasladou ao Parlamento, a inquedanza dos veciños e veciñas polos recortes en sanidade que dende hai anos afectan de maneira grave ao persoal, atención ás persoas usuarias do sistema sanitario público e as infraestruturas.
A comarca das Mariñas, dixo a deputada do BNG, ten sufrido nos últimos anos a “non substitución de profesionais sanitarios, colapsos nos servizos, servizos eliminados e continuos incumprimentos de compromisos para arranxos e construción de novos centros”.
En agosto de 2012, lembrou Prado, o BNG xa preguntou no Parlamento polos recortes na área de pediatría do centro de saúde do Carregal, en Betanzos, área de referencia para a poboación de Coirós, Paderne, Aranga e Irixoa e criticou a decisión da Consellería de non cubrir as vacacións de verán, “da única pediatra do centro betanceiro”. Esta situación, dixo, non é puntual xa que o SERGAS tampouco cubre “permisos, baixas e licenzas” o que obriga a outra pediatra ou médicos e médicas de familia de Betanzos “a asumir a atención dos nenos e nenas que quedaron sen a súa pediatra. Esta situación, dixo, non é puntual, tamén se está a producir nos servizos de matrona, Xinecoloxía e resto de consultas.
A Pediatría, matrona, xinecoloxía hai que engadir que a finais do 2017 a falta de cobertura en Betanzos das vacacións do persoal de urxencias psiquiátricas, obrigou a pechar o servizo e derivar pacientes ao CHUAC até o pasado 9 de xaneiro.
É evidente, recalcou a nacionalista, que esta situación contribuíu ao colapso do hospital coruñés pero estes problemas, tampouco “ son puntuais, ou esporádicos”, xorden en vacacións , verán, Semana Santa, Nadal, épocas que non acostuman a substituír persoal e de facelo, “non tódolos días”, e en xornadas de 3 horas. A deputada estendeu a falta de substitución do persoal médico tamén ao ámbito do persoal administrativo.
“O deterioro progresivo dos diferentes servizos do centro de saúde de Betanzos obriga a botar man, dos servizos de urxencias, con desprazamentos ao hospital Teresa Herrera co conseguinte colapso das urxencias”.
Para a deputada, a Consellaría debe asumir que a falta de coberturas das vacantes no centro do Betanzos provoca problemas para todas as persoas usuarias da comarca obrigando a desprazarse nalgúns casos, como o de Aranga, máis de “3 cuartos de hora até o centro do Ventorrillo”.
Isto acontecía no mes de agosto e apenas un mes e medio máis tarde, “o SERGAS derivaba pacientes do centro de saúde da Castelanada ao centro de saúde de Présaras, no concello de Vilasantar.
Finalmente, a nacionalista afirmou que a finais de ano os centros de saúde de Aranga estiveron sen médico na metade do tempo de apertura durante tres días polo que preguntou se a Xunta vai proceder a cubrir as prazas do persoal na Comarca das Mariñas para prestar unha asistencia sanitaria de calidade así como garantir a cobertura “permanente do servizo de Pediatría” no centro de saúde de Betanzos.
Pola súa parte, o director xeral de Asistencia sanitaria, Jorge Aboal respondeu que a cobertura sanitaria da comarca está garantida ao que a nacionalista reiterou a “falta de persoal en pediatría” e noutros servizos e lamentou que o responsable de Sanidade no anunciara ningún compromiso para tranquilizar a veciñanza da comarca e mellorar os servizos asistencia sanitaria.