Entre as oito recomendacións ao Plan anual de traballo do 2014 formuladas polo BNG ao Consello de Contas, tamén propón un informe de fiscalización das deputacións, o endebedamento da Xunta e unha auditoría sobre a externalización dos servizos de loita contra o lume
No debate das recomendacións formuladas ao plan anual do Consello de Contas celebrado hoxe no Parlamento galego, o BNG propuxo oito propostas entres as que destacou a necesidade de elaborar un informe de fiscalización sobre a situación financeira e xestión de Sogama, a Cidade da Cultura e Igape.
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera tamén recomendou ao Consello de Contas aproximar a realización dos seus informes ao exercicio fiscalizado.
Deputacións provinciais, ineficientes e ineficaces
Na súa intervención, ademais, propuxo fiscalizar as deputacións provinciais co fin de analizar a eficiencia na xestión de gastos e ingresos así como a legalidade nos procedementos de contratación. Por outra parte, salientou que os datos indican un baixo nivel de execución cun maior orzamento no gasto corrente e menor investimento.
Sogama, Cidade da Cultura e Igape
O deputado recalcou que resulta necesario auditar a situación financeira de Sogama e comprobar se a xestión dos residuos se axusta aos principios e programas de tratamento e lembrou o informe correspondente ao exercicio 2004 que salientaba o incumprimento da política de xestión de residuos. Dez anos despois, dixo, na nosa opinión, o desastre é aínda maior, o modelo Sogama fixo crack.
O parlamentario do BNG tamén se referiu ao IGAPE do que dixo recortou o seu orzamento consolidado para o 2014 nun 38% e boa parte do orzamento do 2013 non foi executado.
A recomendación número 8 do BNG propón fiscalizar a Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás, para comprobar se a actividade se axusta aos seus fins fundacionais e normas internas, avaliar a súa eficacia e políticas de gastos, entre outros fins creada para xestionar os contidos de dous edificios que non se van facer, lembrou o nacionalista.
Jorquera tachou de zombi a Fundación que se está a usar para custear outras actividades da Cidade da Cultura e reiterou que cumpre avaliar a actividade da fundación e o retorno que está a ter para Galiza.
Débeda pública e externalización de servizos de loita contra o lume.
Finalmente, o deputado do BNG referiuse a débeda pública de Galiza, triplicada dende a chegada de Feijóo ao Goberno galego e reclamou a fiscalización da actividade contractual do SERGAS cun informe especifico da concesión de obra do Hospital de Vigo para analizar, entre outros aspectos, o incremento de custes derivado do fracaso de modelo de colaboración público-privada.
O parlamentario concluíu a súa intervención solicitando unha auditoría sobre a eficiencia do recurso á exterenalización de servizos contra o lume e en particular, dos contratos da Xunta coa empresa NATUTECNIA.SL