Nunha pregunta ao goberno, o parlamentario do BNG, Ramón Fernández, (Mon) afirmou que o proxecto do Partido popular para garantir o dereito a traballar é un proxecto fracasado que debe ser “rectificado” porque “non funciona”. O deputado reclamou unha “aposta real pola industria e un plan para salvar a fábrica de Alcoa A Coruña, hoxe Alu Ibérica”. Neste sentido, cominou ao conselleiro de Economía, Francisco Conde a aproveitar o trámite dos orzamentos e a emenda que o BNG presentará para abordar unha solución integral para a fabrica.
A xuízo do deputado, “a consellaría de Economía carece dun plan” para rescatar Alu Ibérica e lembrou que entre os anos 2010 e 2019, Galiza perdeu o 14% da taxa de produción industrial.
Tras a intervención do conselleiro Conde que desviou o foco da pregunta do BNG para responsabilizar ao goberno do Estado da desindustrialización en Galiza, Mon Fernández respondeu que o titular de Economía ten a obriga de “dar explicacións no Parlamento galego” e comprometerse cos traballadores e traballadoras da fábrica Alu Ibérica. O deputado nacionalista recoñeceu que os altos prezos da electricidade dificultan ás alternativas para a industria pero hai tres anos que comezou o “particular vía crucis” dos traballadores e traballadoras de Alu Ibérica. Tres anos loitando para preservar a actividade industrial do aluminio un sector estratéxico para o Estado español e Galiza porque a fábrica da Coruña xunto a de Avilés en Asturias producían o 80%. A construción, engadiu, cada vez demanda máis aluminio e agora dependen dos mercados internacionais e da importación. A fábrica da Coruña ocupou a 600 persoas, entre principal e auxiliares e advertiu que existen potentes grupos industriais, como Cortizo ou Extrugasa, demandantes do produto que fabricaban na Coruña.
“Tres anos, leva o persoal da fábrica da Coruña, de mobilización permanente, zarandeados por diferentes empresas, por dous gobernos diferentes no estado ,pola Xunta, e mesmo pola policía” e practicamente abandonado e condenados a presenciar o desmantelamento da fábrica, mentres os gobernos, que debían ser garantes do emprego e da actividade industrial, “miran para outro lado” e se desentenden de todo, recalcou o nacionalista.
Con data 22 de outubro o actual administrador xudicial dirixiuse ao Comité de empresa para informalos da súa intención de realizar un ERTE por dúas razóns principais: a imposibilidade de ocupación efectiva e o pago de nóminas e de feito xa lles deben máis de unha mensualidade de salario. Estas razóns levaron a este administrador xudicial a solicitar o pre-concurso de acredores no xulgado mercantil da Coruña.
Descoñecemos a actitude que adoptarán ante estas actuacións os administradores sociais desprazados, representantes do Grupo Riesgo, pero con todas as cautelas e asumindo que os prazos habituais poden prolongarse debido a esta anómala situación, o certo é que “a fábrica vai camiño da liquidación”.
Señor Vicepresidente, un goberno galego que responda a esa confianza do electorado da que tanto presumen, un goberno galego responsábel, un goberno galego preocupado pola produción industrial do país, preocupado polo emprego, neste contexto de crise, preocupado porque a Comarca da Coruña non se reduza a un monocultivo de INDITEX, estará xa, a estas alturas, ocupado preparando unha alternativa para evitar o peche da fábrica cun plan industrial, preguntou Mon. A situación é crítica e os traballadores e traballadoras precisan coñecer os detalles dese plan industrial para salvar a actividade e o emprego da fábrica de ALCOA na Coruña. “Explíquenos tamén os prazos que manexa a Xunta, porque dadas as circunstancias, a boa xestión dos tempos e os prazos van ser fundamentais”.
O deputado do BNG lamentou que unha vez máis, o vicepresidente e conselleiro de economía, Francisco Conde eludira responder ás cuestións referidas ao deseño do plan e prazos para salvar a fábrica Alú Ibérica.