O BNG pide a comparecencia de Báñez para demandarlle un Plan de creación de emprego urxente

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, solicitou a comparecencia urxente da Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, para que explique se o Goberno ten previsto aprobar un Plan específico de creación de emprego e loita contra o paro “dadas as alarmantes cifras de desemprego”.

A deputada do BNG considera que as cifras de desemprego son “suficientemente graves como para que o Goberno se poña rapidamente en acción. E non valen as continuas alusións á reforma laboral porque pasou un ano desde a súa aprobación e neste período se perderon 850.000 empregos e se rexistraron 691.000 parados máis”.

“O Goberno non pode continuar de brazos cruzados”

Davila afirma que a Ministra de Emprego debe acudir ao Congreso e “recoñecer por fin que a reforma laboral foi un estrepitoso fracaso desde o punto de vista de parar o medre do paro. Iso si, serviu para precarizar o mercado de traballo e empiorar as condicións laborais cada día piores”.

Para a parlamentar do BNG “é hora de que o Goberno aborde con urxencia a dramática situación do paro, non pode continuar cos brazos cruzados como se tal cousa. O seu primeiro obxectivo debería ser a reducción do desemprego e parar canto antes esas inasumíbeis cifras”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG