O BNG pide a comparecencia de Ana Mato porque "non están a garantir a asistencia aos dependentes"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou dúas solicitudes de comparecencia urxente da Ministra de Sanidade e Asuntos Sociais, Ana Mato, para que veña á Cámara a explicar que medidas vai adoptar para garantir a asistencia ás miles de persoas en situación de dependencia.

A parlamentar nacionalista quer que Ana Mato explique que vai facer para asegurar o financiamento necesario ás organizacións e asociacións que se ocupan de persoas en situación de dependencia e que “vai facer para evitar que a necesaria Lei de Dependencia desapareza como terceiro piar básico do Estado de Benestar”.

"Cos seus salvaxes recortes, lévanos á marxinación social"

Nunha segunda solicitude, Rosana Pérez pide que a Ministra de Asuntos Sociais informe das “previsións financeiras en relación á Lei de Dependencia debido á situación de exclusión social, empioramento da situación de moitas persoas dependentes e marxinación social á que esta a conducir os recortes do Goberno de Rajoy en servizos sociais nos dous últimos exercicios orzamentarios”.

A deputada do BNG alude ás movilizacións e manifestacións que distintos colectivos de discapacitados e persoas en situación de dependencia están levando a cabo porque “se están a producir casos verdadeiramente dramáticos e inhumanos. O Goberno debe escoitar a voz de alarma de miles de persoas con dependencia, de colectivos e organizacións que traballan cos afectados”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG