Ana Miranda subliñou que tras anos de retraso nas obras de mellora da EDAR, de verquidos constantes do emisario, e máis de vinte de incumprimento da normativa europea de augas residuais “sobra todo tipo de triunfalismo por parte da Xunta”. Neste sentido afirma que se precisa un estudo que avalíe o dano medioambiental xerado e un proxecto de rexeneración integral da ría de Viveiro que contemple a recuperación dos bancos marisqueiros.
Precisamente a pertinencia deste estudo é parte do contido da denuncia que o BNG presentará na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, segundo anunciou a portavoz do Bloque en Europa. “É imprescindible que se poña en marcha un proxecto integral de rexeneración medioambiental, que permita identificar as zonas da ría que presentan maior degradación e recuperar as zonas que o precisen que inclúa a recuperación dos bancos marisqueiros e da pesca de baixura para unha explotación racional e produtiva, que xere riqueza e postos de traballo”, subliña Miranda.
Multas da Comisión
Por outro lado, a denuncia que presentará o Bloque na Eurocámara defende que as administracións deben facer un maior control dos verquidos realizados, sancionando cando sexa preciso, e cunha maior transparencia dos resultados obtidos e os expedientes de infracción abertos pola Comisión Europea. Así, tendo en conta as multas impostas pola Comisión ao Estado español, nas que Viveiro aparece na primeira das denuncias (2010), pero non na segunda, reclámase que se revisen e verifiquen os datos facilitados polo Estado español á Comisión Europea sobre o saneamento de Viveiro.
“Se o Estado español respondeu á Comisión que o saneamento de Viveiro era correcto, por que as administracións ven necesario acometer melloras na depuradora. Hai algo que non cadra, porque ou están mentindo ou non enviaron os datos reais”, argumenta Ana Miranda, despois de comprobar hai uns meses que o Estado e a Xunta non informaran debidamente á Comisión Europea.
Verquidos industriais
“Completar o saneamento da ría de Viveiro require ademais cambiar o actual emisario e conectar Celeiro á EDAR, no que hai vertidos industrias sen tratamento de ningún tipo”, explica pola súa banda Miriam Bermúdez, quen indica que mentres a industria de Celeiro non teña pretratamento, non se pode conectar. “E como todo Celeiro verte ao mesmo colector (industria e vivendas), todo Celeiro está sen conectar”. A concelleira nacionalista subliña o problema que supón que quede por facer unha parte fundamental do proxecto de saneamento, en redacción e sen data de posta en servizo. “Sen esta conexión, as augas residuais industriais e dos núcleos de Celeiro e Area vérquense sen depuración axeitada e ao carón do Porto e as praias”.
Ao seu xuízo, a visita da conselleira para presentar a mellora nas liñas de tratamento da EDAR “é oportunista e electoralista e foi unha oportunidade perdida para que o Concello e Xunta se sentaran a dialogar e establecer as bases dun traballo en conxunto e desen explicacións conxuntas como corresponsables dos proxectos”.