O BNG pide carga de traballo "real" para Navantia e menos anuncios electorais do PP

O portavoz parlamentario acusou ao Goberno de “propaganda” e “triunfalismo” mentres o Sector Naval e a comarca Ferrolterra esmorece por falta de carga de traballo

Francisco Jorquera

O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera preguntou hoxe, na comisión de Industria ao Goberno polo deseño de futuro para os estaleiros de Ferrol, as promesas de creación de emprego e carga de traballo para Navantia.

O deputado lembrou que o pasado domingo, Ferrol volveu saír a rúa para exixir solucións contra “a maior taxa de desemprego de Galiza, maior índice de pobreza e a emigración” nunha comarca, Ferrolterra que padece unha situación “agónica” polo que preguntou con que deseño conta o Goberno galego e que xestións fixo para conseguir carga de traballo para Navantia.

Feijóo ten o costume de lanzar promesas en período electoral que logo non cumpre

O parlamentario lembrou que na campaña electoral do ano 2009, Feijóo asinou o “Contrato con Ferrol” comprometéndose a crear “un gran centro de reparacións navais na ría pero a día de hoxe “nada hai daquel contrato nin do centro prometido nin dos 2.000 postos de traballo que se ían crear”. Dous anos máis tarde e tamén a portas dunhas eleccións municipais ano 2011, Feijóo celebrou un Consello da Xunta en Ferrol para anunciar “o Plan estratéxico para reactivar Navantia”, un plan que situaría a máis de 1.000 empresas e 10.000 traballadores, que foi daquel Plan preguntou Jorquera.

Jorquera increpa a Feijóo

Cando Feijóo fixo ese anuncio no ano 2011, explicou o deputado, había máis de 2.000 traballadores da empresa principal e 4.000 en empresas auxiliares. A situación agora, afirmou, temos menos de 600 traballadores das empresas auxiliares e 500 na principal coa carga de traballo do Flotel e BAM. Jorquera criticou que o Goberno galego aceptara que Navantia pasara a depender do Ministerio de Defensa operando en exclusiva na construción naval militar e non facer “nada” para levantar o veto o estaleiro de Fene nin preparar o “novo escenario tras o fin do veto en xaneiro deste ano”.

O deputado tamén censurou que nos catro petroleiros encargados a Navantia, o groso da carga de traballo sexa para Cádiz. Vostedes limítanse a aplaudir o encargo dos petroleiros mentres as Andalucía movese para acadar máis cotas no proxecto, manifestou.

O IGAPE anuncia positivas perspectivas de futuro para Navantia

Tras a resposta do director xeral do IGAPE que defendeu que Navantia ten carga de traballo e mellores perspectivas de futuro baseadas na Industria 4.0, o nacionalista retrucou que 4.0 para o Goberno galego significa para Navantia “de catro petroleiros cero na ría de Ferrol en canto a construción dun petroleiro completo, e dos estaleiros contratados por Navantia, cero para Ferrol”. O deputado tamén criticou o anuncio da F100, un contrato, dixo, “anunciado hai anos que non se acaba de verificar” ao igual que os encargos con Turquía e Australia cando “sabemos que eses buques serán construídos en Turquía e Australia” e só da traballo ao departamento de enxeñería pero “non carga de traballo real e efectiva para os estaleiros de Ferrol”.

A Xunta fai deixación das súas funcións para participar na política industrial de Navantia

O parlamentario concluíu referíndose ao estaleiro de Fene “vangarda mundial na construción de petroleiros e de plataformas” desmantelado e sen visos de adaptalo ante o fin do veto, e botou man da lei para que a Xunta negocie a súa representación nos órganos de Navantia para ter en conta os intereses galegos ante a política comercial, pero o Goberno galego e Feijóo, reiterou Jorquera “tampouco fixo nada” máis que limitarse a criticar a política de Navantia.

 

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG