O BNG pide a Cañete que amplíe os prazos para regularizar barcos

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, e a deputada, Rosana Pérez, presentaron varias iniciativas parlamentares na Cámara para demandar ao Goberno que amplíe os prazos temporais para o proceso de regularización de embarcacións.

Explican que este proceso provocou un grande malestar entre moitos armadores e propietarios de barcos da zona do Salnés e do Barbanza, o que lles levou incluso a recoller sinaturas en O Grove, Cambados, A Illa de Arousa. Piden unha moratoria no prazo de catro meses estabelecido porque precisan de máis tempo para poder legalizar os seus barcos.

A regularización implica altos desembolsos económicos

A deputada do BNG pón de manifesto que se atopan con grandes dificuldades para poder realizar o investimento necesario para poder contar cun motor de 40 cabalos, xa que o orzamento mínimo é de 12.000 euros, “cantidades excesivas para o sector pesqueiro no actual contexto económico”. Salienta que este proceso afecta a uns 400 armadores de toda Galiza, aínda que afecta especialmente ás comarcas do Salnés e Barbanza.

O BNG demanda a Cañete “certa sensibilidade e comprensión coa situación económica dun sector de grande peso na Galiza. Os prazos fixados supoñen asfixiar a moitos donos de embarcacións, comprometendo incluso a súa viabilidade futura ou condenándoos nalgúns casos ao desguace”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG