A portavoz de cultura do BNG, Mercedes Queixas preguntou ao conselleiro, Román Rodríguez cando será efectivo o expediente para a declaración BIC da Casa Cornide e elaborado un catalogo “exhaustivo” dos bens que deben ser protexidos
A nacionalista lembrou que hai máis dun ano que o Parlamento galego aprobaba por unanimidade unha proposición non de lei do BNG instando a Xunta de Galiza a incoar o expediente para declarar Ben de Interese Cultural, (BIC) a Casa Cornide da Coruña, un acordo, dixo, recollido no DOG o 14 de maio de 2021.
O articulado desta resolución recolle a obrigatoriedade de “aplicar de forma inmediata e provisoria, con eficacia, o réxime de protección que establece a LPCG para os BIC, para monumentos en particular e para os bens mobles”.
A resolución publicada no DOG, ademais describe que o réxime de protección para o conxunto monumental da Casa Cornide implica, entre outros aspectos, “o deber de conservación, acceso e visita pública” pero tras sete meses transcorridos, “non temos constancia” de ningún avance na elaboración do inventario completo de bens mobles susceptíbeis de ser BIC para asegurar a súa conservación como ben patrimonial público e colectivo.
Asemade, dixo, verificamos que hai aspectos regulados nesta resolución que se están a incumprir como, “a normativa referida á súa visita pública gratuíta de catro días ao mes durante, polo menos, catro horas ao día, que serán definidos previamente”.
De momento, o réxime de visitas públicas “non existe” e descoñecemos que estratexias e accións está a desenvolver a Xunta de Galiza para que se resolva de inmediato este incumprimento da resolución da DXPC por parte da familia Franco, actual propietaria.
Ante esta situación, dende o BNG queremos saber “que medidas de protección está a desenvolver o goberno da Xunta conforme o disposto na resolución pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural a Casa Cornide na Coruña”.
A deputada do BNG reiterou que “o obxectivo principal e prioritario dun expediente BIC é blindar a protección do patrimonio” de aí o noso interese por saber que iniciativas tomou a consellería sobre este asunto despois de 7 meses para elaborar os informes actualizados dos bens mobles susceptibles de seren BIC e con que resultado sobre os bens a protexer.
Para a deputada o “espolio acompaña sempre á familia do ditador” e lembrou que mesmo chegaron a poñer en venta a Casa Cornide e fixéronse públicas as denuncias veciñais ao comprobar a retirada de bens do interior da casa en diversas furgonetas co prexuízo que este proceder puido ocasionar no inventario completo do patrimonio cultural que continuamos descoñecendo.