BNG pide ao PP que explique que intereses defende ao manter un trazado da AG-59 que é unha “agresión” para A Estrada e Teo

Trazado AG-59
Trazado AG-59
Montserrat Prado critica que non se modifique un trazado tremendamente lesivo para o patrimonio, a paisaxe, os sectores produtivos e a convivencia

“O PP ten que explicar a que intereses serve ao empeñarse en seguir adiante cun trazado da AG-59 que destrúe patrimonio etnográfico, cultural e paisaxístico, arrasa roteiros e terreos agrarios e divide parroquias”. Con esta rotundidade a deputada nacionalista Montserrat Prado reclamou á Xunta que explique a súa negativa a modificar o trazado do proxecto de ampliación da AG-59 ao seu paso polos concellos da Estrada e Teo e que, segundo recalcou, supón “unha agresión en toda regra ao medio ambiente, a paisaxe, ao patrimonio cultural e etnográfico, así como aos sectores produtivos e á convivencia”.

Prado defendeu unha proposición non de lei no Parlamento para modificar un trazado “tremendamente lesivo”, tal e como tamén reclama a propia veciñanza, os colectivos afectados e os sectores produtivos, porque “a construción dunha infraestrutura non pode ser a costa de graves afectacións, non pode significar o arrase do territorio e do noso patrimonio”, advertiu.

Así, a proposta do Bloque pasa por retirar o actual proxecto de trazado do subtreito de ampliación da AG-59 entre A Ramallosa (no concello de Teo) e Rollo (no concello da Estrada) e elaborar un novo “que non supoña este nivel de agresión”, para o que tamén propuxo a realización dun catálogo exhaustivo e pormenorizado de todos os elementos medioambientais, patrimoniais, produtivos e residencias, co obxectivo de evitar a súa afectación no novo trazado.

Neste sentido, recordou que o trazado actual non só afecta a un espazo protexido, o sistema fluvial Ulla-Deza da Rede Natura, senón tamén a patrimonio etnográfico de enorme importancia cultural, como os Muíños do Vea, e “arrasa” terreos agrarios en ámbolos dous concellos, en especial en Cora, onde se concentran varias explotacións agrogandeiras que verán diminuída a súa base produtiva. A isto sumou a afectación de múltiples bens patrimoniais no val de Santa Lucía, a do Camiño da Geira e dos Arrieiros (que descorre entre Braga e Santiago de Compostela e que foi posto en valor pola asociación Codeseda Viva) e tamén a división de parroquias, o que implica un impacto tamén sobre a súa habitabilidade, xa que o trazado discorre moi preto das casas en lugares como no Rollo.

Así pois, a deputada nacionalista advertiu que o trazado deste proxecto “non está pensado para dinamizar a economía de ambos concellos senón que, ao contrario, afecta gravemente á mesma, nin sequera comunica o polígono industrial de Toedo e, por se fose pouco, supón un problema de seguridade vial xa que este subtreito remata nunha forte pendente na recta de Baloira”.

Ante a negativa tanto do PP como do PSOE a apoiar a iniciativa nacionalista, Prado cuestionou a ámbalas dúas forzas que durante o debate parlamentario “non entraran a valorar” no máis mínimo as agresións paisaxísticas, patrimoniais, produtivas e mesmo de convivencia que supón o trazado postas en riba da mesa polo Bloque, polo que concluíu que “a súa é unha posición política” ante unha actuación que nun tramo de menos de catro quilómetros incorpora 15 estruturas, tres viadutos, catro pasos inferiores, tres pasos superiores, dous muros e 16 obras de drenaxe transversal, o que confirma unha afectación evidente, “un desastre”, incidiu. “Imos seguir estando do lado das demandas xustas da veciñanza e lamentamos profundamente que non sexan quen de ver que este trazado non é o máis acaído e que debía e podía ser modificado para adecuarse ás necesidades dunha infraestrutura pero tamén da veciñanza”, concluíu.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG