Xavier Vence acusa ao PP de comprar a vontade dun edil socialista tránsfuga e anuncia que o BNG estuda presentar un recurso contencioso administrativo contra a moción de censura en Boimorto por fraude electoral
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence pediu hoxe ao Partido popular que non apoie a moción de censura en Boimorto. Para o nacionalista, a moción representa unha fraude electoral e contravén o pacto contra o transfuguismo polo que anunciou que o BNG estuda presentar un recurso contencioso administrativo.
O BNG esixe a Feijóo que pare a moción de censura de Boimorto
Para o portavoz do BNG, o Partido popular non sabe perder e cando perde tenta gañar o poder comprando a vontade daquelas persoas dispostas a cambiar de bando.No caso de Boimorto, explicou, unha persoa elixida nas listas do Partido socialista que asinou o compromiso de acatamento da vontade da asemblea do PSOE en Boimorto, de pronto, cambia de bando e apoiará unha moción de censura presentada polo Partido popular.
Dende o BNG, dixo, queremos esixirlle a Feijóo e ao PP que pare a moción de censura baseada nun tránsfuga que vulnera a vontade dos veciños e veciñas de Boimorto. O PP, recalcou Vence, de continuar coa moción, incumprirá a Lei electoral e o acordo antitransfuguismo e advertiu que Feijóo non poderá falar nunca de rexeneración democrática se permite que o seu partido persiste en en presentar a moción.
É hora de deixar de comprar a vontade de concelleiros e cargos de outras organizacións para conquistar o poder que a cidadanía non lle deu en Boimorto porque os veciños e veciñas decidiron a alcaldía que ostenta Xosé Luís Rivas Mini.
Vence tildou de ilegal a moción de censura e reiterou que o BNG presentará un recurso ante o Tribunal Contencioso por vulnerar o artigo 197 da Lei electoral.
Finalmente, o portavoz nacionalista mostrou o apoio do BNG ao alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas, e agradeceu o respaldo dos alcaldes nacionalistas de: Toques, José Ángel Penas, Santiso, Manuel Adán, San Sadurniño, Secundino García, A Pobra de Brollón, Xosé Luís Maceda e de Mazaricos, Xoán Blanco presentes na comparecencia ante os medios de comunicación.
Pola súa parte, a responsábel de política municipal, Goretti Sanmartin cualificou de escenario esperpéntico político a presentación da moción de censura que representa unha fraude de lei e unha burla premeditada que se sitúa na ilegalidade.
Mini lamenta a viraxe do concelleiro socialista e acusa ao Partido popular de non xogar a democracia de maneira limpa
O alcalde de Boimorto, Xosé Luís Rivas Mini denuncio a viraxe do edil socialista e expliocou que tras anunciar a súa intención de integrarse no grupo de non adscritos, advertimos que algo se estaba cocendo, a cocedura, dixo, deu paso a unha fraude electoral. Para nós, engadiu, é doloroso porque en Boimorto estase a xogar cos votos dos veciños e veciñas. O alcalde tamén dixo que o concelleiro tránsfuga caracterizase por machucar ao Partido popular de Boimorto de aí a nosa sorpresa, ten que haber algo gordo detrás para que o edil cambie de opinión tendo en conta que non existe ningunha medida tomada polo goberno que poida dar pé a unha disensión no equipo de goberno.
Xosé Luís Rivas acusou ao Partido popular de non xogar a democracia limpamente.