A través dunha pregunta parlamentaria urxente ao goberno, a deputada do BNG, Mercedes Queixas urxiu á Xunta a realizar a modificación regulamentaria para permitir a continuidade do alumnado con discapacidade nos CEE, que supere os 21 anos co fin de completar a súa formación académica.
A 15 días da clausura do curso escolar, explicou a nacionalista, as familias do alumnado escolarizado en Centros de Educación Especial non recibiron por parte da Consellería de Educación ningunha resposta as súas demandas. Nesta liña, argumentou Queixas, a Plataforma de ANPAS de CEE de Galiza xa trasladou por escrito, desde hai 2 anos, unha petición para modificar o Decreto 229/2011 que regula a atención á diversidade do alumnado para facilitar o seu desenvolvemento persoal, social e aprendizaxe, facilitándolles a adquisición das competencias recollidas na Lei Orgánica de Educación.
O artigo 20 do decreto, engadiu a deputada, regula a escolarización en centros de educación especial pero limita a permanencia do alumnado nestes centros educativos aos que superen os 21 anos, poñendo fin de “maneira abrupta e prematuramente” o proceso de adaptación de desenvolvemento persoal, intelectual, social e emocional que permita acadar o máximo rendemento posíbel das súas capacidades”.
A excepcionalidade deste curso dificultou aínda máis o desenvolvemento do proceso de ensino-aprendizaxe co peche de aulas, eliminación de actividades complementarias ou mesmo escolarización irregular e intermitente por prevención sanitaria derivada de patoloxías do alumnado, o que xustifica, como medida urxente e compensatoria, de cara ao vindeiro curso, “a ampliación da escolarización do alumnado que cumpre os 21 anos ou máis” e que non rematou a súa formación.
Tras a resposta do conselleiro de Educación, Román Rodriguez responsabilizando ao goberno central e a LOE da actual normativa, a deputada do BNG respondeu que neste ámbito, a Xunta non pode “botar balóns fóra” e desentenderse das condicións e necesidades deste alumnado. A Xunta, dixo, “non pode mirar para outro lado” e debe actuar para dar resposta ás demandas das familias.
Que a LOE o impide? pois estamos ante un conflito entre o Decreto 229/2011 e o Decreto 107/2014, xa que este último permite a escolarización en programas formativos até os 26 anos e ambos se sustentan na mesma Lei Orgánica de Educación de 2006, aseverou a deputada do BNG.
finalmente, Mercedes Queixas afirmou que unha adecuada organización dos recursos dos centros impiden posibles conflitos entre o alumnado maior de 21 anos e o alumnado menor e lembrou que existe un antecedente para mudar a Lei co goberno da Comunidade de Castela e León que a finais de 2019 “confirmou a adaptación da normativa para atender esta demanda”, polo tanto, recalcou a deputada, é unha “cuestión de vontade política” e lamentou que a reposta do conselleiro non incluíra un “compromiso” neste sentido. Antecedente do goberno da Comunidade de Castela e León que xa a finais de 2019 confirmou a adaptación da normativa para atender esta demanda.