A deputada do BNG, Noa Presas, instou ao goberno do PP a abandonar as declaracións de intención e poñer en marcha medidas contundentes contra a violencia de xénero. Para a deputada, ante a “banalización, o negacionismo e o rearme do machismo, só hai unha resposta: ‘máis feitos e máis recursos”.
Na defensa da proposición non de lei, rexeitada polo Partido popular, Presas asegurou que diagnosticar e reflexionar son dous elementos fundamentais para avanzar no coñecemento. Nesta liña, propuxo elaborar “unha macroenquisa de violencia bianual”, a través do Instituto Galego de Estatística porque o que non se coñece, dixo, non se pode mudar, e a loita contra a violencia machista ten unha longa historia de loita grazas a seren “nomeada, coñecida e computada”.
“Propoñemos ademais que estes datos sexan estudados tamén do punto de vista cualitativo polo tecido universitario galego, desenvolvendo o ámbito de investigación que contempla a lei galega e que non se desenvolveu apenas”.
A deputada lembrou que no ano 2008 xa houbo unha experiencia neste ámbito coa Conta Satélite para analizar e estudar o uso do tempo. 14 anos despois incorpórana á Lei de igualdade e a ver se desta vez vai despois de incumprila máis dunha década, indicou.
Na actualidade e no contexto que estamos a vivir, explicou a nacionalista, “ xa non chegan as palabras nin os lazos morados e tampouco as declaracións de intencións”. Para avanzar na loita contra a violencia machista, precisamos propostas de “actuación claras, realistas, realizables e concretas que nos permitan avanzar”. Propostas que onte, recalcou Presas, o Partido popular non incorporou na Lei de Igualdade.
Por outra banda, tamén demandou destinar o 1% do orzamento contra a violencia para impulsar a protección económica elevando as axudas periódicas consontes á carestía da vida, porque “as contías entre 200 e 800” euros representan un instrumento fundamental pero deben ir acorde coa suba da vida. Levamos tres anos perdendo poder adquisitivo e as axudas levan conxeladas desde a última ampliación, a iniciativa do BNG no ano 2018. “Cinco anos nos que os tres últimos tivemos a inflación máis alta dos últimos 40 e dende o BNG consideramos que este período é suficientemente amplo e duro como para formular o incremento das contías”.
Máis recursos contra a violencia sexual
Na súa intervención, a nacionalista tamén se referiu á Memoria da Fiscalía de Galiza do ano 2022 para denunciar que foron incoados máis de 1.600 delitos contra violencia e indemnidade sexual e engadiu que as persoas expertas mostran a súa preocupación polo incremento de agresións sexuais, tanto en grupo como de maneira individual por agresores mozos. No verán de 2023 coñecemos agresións sexuais múltiples a través dos medios de comunicación que son a punta do iceberg, o caso do Porriño, de Monforte ou xa no outono de Sarria, explicou.
Temos que avanzar nos recursos e na educación pero o PP, criticou Noa Presas, vai na dirección contraria como demostrou coa eliminación da materia de igualdade no ensino e tampouco impulsou os plans de educación afectivo sexual prometidos nin aplica a Lei de violencia.
Centro Interdisciplinario de Investigacións Feministas e de Estudos de Xénero da USC
Un cuestionario realizado a máis de 1.500 adolescentes dunha trintena de institutos e entre 14 e 18 anos constatou que o 48% do alumnado consultado viu porno por primeira vez antes dos 12 anos e esa é a fonte de aprendizaxe que teñen, advertiu.
Entre as medidas contra a violencia de xénero reivindicou: acelerar os recursos pendentes, desenvolver o protocolo, atender ás vítimas 24 horas nos hospitais públicos para garantir unha distribución equilibrada desta atención, e impulsar no actual curso 2023/2024 unha campaña específica sobre violencia sexual recursos para o ensino secundario e universitario.
A deputada nacionalista lamentou, que unha vez máis, o PP utilizara a súa maioría na Cámara galega para impedir que as propostas do BNG contra a violencia machista non prosperaran.