Senado

BNG pide ao Goberno a consolidación dos investigadores e investigadoras de finalizar os programas M. Salas e M. Zambrano

Carme da Silva
Carme da Silva

Ante o posíbel remate destas axudas, a frente nacionalista solicita ao executivo desenvolver un programa de estabilización e consolidación dos postos de traballo

Carme da Silva, após manter unha xuntanza con investigadores e investigadoras, pregunta ao Goberno sobre o seu compromiso para impulsar a ciencia e a investigación “como motor para outro modelo de desenvolvemento”

Ante a ausencia dunha consolidación laboral no sistema universitario e a posíbel extinción dos programas Margarita Salas e María Zambrano, a senadora do BNG propón ao Goberno do Estado impulsar un plan de consolidación e estabilización laboral para as investigadoras e investigadores. Carme da Silva, ademais, sinala que o executivo ten unha débeda pendente con este colectivo e comprométese a traballar para conseguir que o Goberno se comprometa coa ciencia e a investigación para que sexa un motor para outro modelo de desenvolvemento.

A aprobación de axudas como os programas Margarita Sala e María Zambrano foron ben recibidas por parte da comunidade científica e levantaron expectativas positivas de futuro, tamén entre as investigadoras e investigadoras que tiveron que marchar ao estranxeiro. Con todo, a xestión destas axudas foi bastante cuestionábel, empezando polo ocorrido coa detracción das cotas á Seguridade dos seus salarios por parte das Universidades, e continuando coa falta de estabilidade e consolidación laboral ao fin dos citados Programas este ano.

“O colectivo estase a sentir defraudado e enganado ante a ausencia dunha verdadeira consolidación laboral no sistema universitario” denuncia a senadora do BNG. Carme exemplifícao nas persoas que se atopaban investigando noutros países, con proxectos máis garantistas, e confiaron nas posibilidades que ofrecía o programa de recualificación que debía implicar unha verdadeira estabilización. “Agora comproban que non existía realmente ou que, polo que se ve, non se atopa este obxectivo entre os plans do Goberno” recrimina.

En opinión da senadora nacionalista, desenvolver un Programa deste tipo para extinguilo en tres anos carece de sentido. “O Ministerio de Ciencia e Universidades debe escoitar ás persoas afectadas que reivindican un plan para estabilizar os seus postos e á altura do traballo que desenvolven” afirma Carme da Silva mentres lembra os encontros mantidos polo BNG con este colectivo.

“O Goberno ten unha débeda pendente coas persoas investigadoras que confiaron nestes programas, que sufriron recortes nos seus salarios e pasaron vicisitudes mesmo ante os Tribunais e que, agora, ven como non se lles ofrece unha estabilidade despois de prometer un programa de re cualificación do sistema universitario” asevera Carme da Silva.

Do mesmo xeito, a senadora de Galiza polo BNG convida o Ministerio a manter unha reunión coas persoas beneficiarias destes programas para que atendan as súas demandas e despregar un verdadeiro plan de estabilización dos seus postos á altura do traballo que están a desenvolver e respectando a categoría e o perfil de traballo destas persoas investigadoras.


 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG