O BNG pedirá a retirada da reforma educativa de Wert que supón "a volta á caverna do franquismo"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixirase a semana vindeira, o mércores día 12 de decembro, ao Ministro de Educación, José Ignacio Wert, para demandarlle a retirada do anteproxecto de lei de reforma educativa que hoxe presentará ás CC.AA.

A deputada do BNG solicitara hai tempo a comparecencia do Ministro de Educación precisamente polos contidos que xa se ían coñecendo en relación ao borrador de Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce). O Ministro vai comparecer a semana próxima ás 16 horas do mércores 12 de decembro.

“Un ataque aos principios elementais da educación pública e ás CC.AA”

Rosana Pérez afirma que “o anteproxecto de lei dá medo. Para os que somos defensores do ensino público de calidade, laico, respeitoso coas competencias das CC.AA e coa existencia dunha realidade plurilingüística no Estado español, a reforma de Wert é un ataque en toda regla aos principios elementais da educación pública e ás competencias autonómicas”.

A deputada do BNG tildou o anteproxecto do Goberno de Rajoy “de retrógrada, reaccionario, irrespetuoso, propio da etapa pre democrática, e que prima a educación privada sobre a pública. Resulta alarmante que se trate de eliminar a educación nas linguas cooficiais, galego, catalán e euskera, tratando de voltar aos tempos do franquismo co castelán como única lingua vehicular”.

“Volvemos á caverna do franquismo”

“Resulta alarmante que se outorguen subvencións públicas a centros que segregan aos alumnos por sexo. Volvemos á Idade Media coa eliminación da asignatura de Educación para a Cidadanía e coa aprobación dunha asignatura alternativa á relixión confesional que era a demanda dos Bispos da Igrexa Católica.

Volvemos á caverna do franquismo cun Estado que dará máis cartos aos centros privados e que incluso plantexa sufragar os gastos de escolarización en centros privados”, afirma a parlamentar do BNG.

Reclamaremos ao Ministro de Educación que dea marcha atrás a “este atentado democrático e abra a reforma educativa ao diálogo coas CC.AA, co ámbito educativo”.

Parlamento de Galiza

Tamén no Parlamento de Galiza o Portavoz de Educación do BNG, Cosme Pombo pedirá a “inmediata retirada” do anteproxecto de Lei para a mellora da calidade educativa (LOMCE) por atentar contra as competencias galegas en materia lingüística e negar o dereito ao acceso da educación básica obrigatoria.

O parlamentario do BNG, tralo encontro coa Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público celebrado hoxe no Parlamento galego, denunciou que a Lei Wert, pon en perigo o dereito á educación, elimina a igualdade de oportunidades e suprime o dereito a un ensino galego, científico e laico co obxecto de fortalecer “o papel españolizador” do sistema educativo.

Pombo asegurou que a Lei do ministro Wert impide o coñecemento e estudo do que nos “conforma como pobo galego desprezando a nosa lingua, cultura e historia”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG