O BNG pedirá o respaldo do Parlamento á folga feminista do 8 de marzo e medidas contra a desigualdade

Ana Pontón
Ana Pontón

Pontón a Feixóo: “Vai respectar o dereito das mulleres a saír a rúa ou vai repetir o boicot do ano pasado?”

En relación á estafa da AP9 pide “menos biscoitada e máis seriedade” e denuncia a un PP e PSOE que usan Galiza como pim-pam-pum electoral

Ás portas da celebración do 8M, o BNG levará ao pleno unha batería de medidas en defensa da igualdade e dos dereitos da muller e para plantar cara ao discurso neomachista “da dereita españolista” na que, en palabras da portavoz nacional, Ana Pontón, “milita o presidente da Xunta”.

“Hai que desenmascarar un discurso que fai negacionismo da violencia machista, que nega o dereito das mulleres a decidir sobre o seu corpo e pretende reducirnos o rol de incubadoras como na famosa distopía do Conto da criada”, salientou a dirixente do Bloque, apoiándose nas declaracións dos máximos responsables do PP para avalar a súa denuncia.

“Pablo Casado e a ocorrencia de que as mulleres temos a obriga de garantirlle a súa pensión de xubilación levantando a taxa de natalidade para que haxa cotizantes á seguridade social, ou Feixóo proclamando que a solución á crise demográfica é buscar inmigrantes fértiles despois de ter expulsado a milleiros de mozas á emigración”, denunciou. “Pretenden reducirnos a un rol tradicional e desfasado que non representa as galegas do século XXI”, recalcou.

Por iso, no próximo pleno o Bloque defenderá unha proposición non de lei para pedir o respaldo da Cámara á folga feminista do 8M, sumándose ás reivindicacións das galegas de medidas reais fronte a desigualdade, a brecha salarial ou a loita contra a precariedade e a pobreza, que afectan en maior medida  ás mulleres.

Ao mesmo tempo, será obxecto da pregunta de control ao presidente da Xunta, a quen Pontón convidará a pronunciarse sobre si vai respectar o dereito das mulleres a saír á rúa ou vai repetir o boicot á folga feminista do ano pasado, como deixaron claro até tres sentenzas condenatorias por vulnerar o dereito á folga das traballadoras da Administración”. Engadiu tamén o recorte de orzamentos en igualdade, que pasaron de 30 M€ cando gobernaba o BNG aos 7 millóns de euros do actual Executivo.

No marco das mobilizacións feministas que, asegurou, volverán ser masivas, o Bloque completa as súas propostas do próximo pleno cunha denuncia “a mercantilización” do corpo da muller rexeitando a legalización dos ventres e alugueiro, “unha forma máis de explotación”, ademais de reclamar medidas que garanten o dereito á interrupción voluntaria do embarazo na sanidade pública, “porque hoxe a inmensa maioría fanse na sanidade privada”.

A defensa da sanidade pública volverá ao pleno cunha moción nacionalista en catro puntos. Cese do conselleiro de Sanidade como recoñecemento dos erros e a vontade de iniciar unha nova etapa, plan de mellora da atención primaria con 200 millóns de euros, convocatoria extraordinaria para médicos de familia cun mínimo de 420 novas prazas e un novo contrato que acabe coa precariedade laboral dos e das facultativas.

Edulcorar a estafa das peaxes

A portavoz nacional ironizou sobre a última ocorrencia electoralista do PP en relación coa estafa das peaxes da AP9, tras dez anos sendo cómplice da suba continuada das tarifas poñendo os intereses da concesionaria por riba de Galiza, unha estratexia que arrancou coa decisión de Aznar de privatizar esta infraestrutura estratéxica.

“Propoñen agora o que levan vetando neste Parlamento durante anos, votando en contra de todas as propostas do Bloque para acabar coa estafa das peaxes”, salientou Pontón,  “ao que antes se opoñía o PP, - que AUDASA asuma o custe da ampliación de Rande-, agora se opón o PSOE, e o grave é que mentres PP e PSOE seguen utilizando Galiza como pim-pam-pum, os galegos e as galegas seguiremos pagando unhas tarifas que son unha estafa”.

“Esa estafa ten como primeiro responsable a privatización de Aznar, que continuaron os gobernos do PSOE e despois do PP. A alternativa pasa por ter capacidade de xestión sobre unha AP9 rescatada, como se fixo coas radiais madrileñas. Teñen unha responsabilidade compartida, menos tomaduras de pelo, menos biscoitada e máis asumir de verdade acabar con esta estafa”, concluíu.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG