O BNG participa no Aberri Eguna e reivindica o dereito do pobo vasco a decidir o seu futuro

Presentación do Aberri Eguna 2013

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2013.- O Bloque Nacionalista Galego estará presente nos actos convocados pola rede Independentistak, da que forma parte a esquerda abertzale, con motivo do Aberri Eguna esta fin de semana en Euskal Herria. A Executiva Nacional do BNG envía a solidariedade do pobo galego ao pobo vasco e o seu apoio á convocatoria desta plataforma en Iruñea, no marco da manifestación nacional á que asistirán membros da formación frontista.

A Executiva Nacional do BNG remitiulle unha comunicación a EH Bildu, que participa na convocatoria da rede Independentistak,  en que salienta que nestes momentos a soberanía nacional é máis necesaria que nunca e transmítelle o apoio no necesario avance do proceso de Paz, na defensa dos dereitos colectivos de Euskal Herria e na necesidade de combater a crise. Tamén reivindica o BNG o dereito de Euskal Herria a decidir libremente a creación do futuro político como nación.

Con motivo da celebración do Aberri Eguna, os nacionalistas galegos, que tamén apoian os actos do PNV no Día da Patria de Euskal Herria, acreditan en que o logro da independencia é cada vez máis críbel e lle reclaman aos Estados español e francés respecto ao dereito a decidir. O BNG salienta que a grave situación socioeconómica que sufrimos demostra, con máis claridade que nunca, a necesidade da soberanía nacional. E é que a Europa ao servizo do capital condenan ao pobo ao desemprego, a traballos precarios e ao desmantelamento dos servizos públicos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG