O BNG participa na manifestación que esixe a liberdade de Arnaldo Otegi

O BNG apoia a manifestación que se celebra hoxe en Elgoibar e que esixe a liberación de Arnaldo Otegi e das outras persoas que seguen encarceradas polo proceso Beteragune. Xavier Campos López, en representación da Executiva Nacional do BNG, asiste a esta manifestación, en compañía de numerosas organizacións e colectivos, de Galiza, do Estado e internacionais, que queren denunciar a inxusta situación na que o goberno español mantén aos imputados e imputadas no caso.

elgoibarOtegi e os seus compañeiros seguen en prisión porque os tribunais españois xulgan que a constitución de Beteragune respondía a unha estratexia relacionada co terrorismo en vez de considerar o seu obxectivo real, articular unha solución política para a pacificación de Euzkal Herria e a busca de solucións ao conflito vasco en termos de soberanía e dereito a decidir. En contradición con esta doutrina, o propio Tribunal Constitucional español ten rexeitado as mesmas probas e argumentos no caso da coalición Bildu.

Para o BNG, a situación de Otegi e dos seus compañeiros responde á vontade política do Estado en relación co proceso de paz que se está a impulsar na sociedade vasca. O goberno español mantén a súa política de negación e obstrución, empregando o encarceramento de Otegi e os seus compañeiros como un castigo político, sen un fundamento xurídico claro. Esta actitude do goberno español contrasta coas numerosas manifestacións e mobilizacións nas que o pobo vasco ten expresado o seu desexo de resolver definitivamente o conflito.

O BNG mantén os seu compromiso con todos os axentes da sociedade vasca que apostan polo camiño da paz e defenden o exercicio da soberanía, obxectivos que compartimos con todas as nacións sen estado que seguen sen ver recoñecidos os seus dereitos no marco do estado español.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG