O BNG opónse á lei de sostenibilidade enerxética porque prexudicará a 120 empresas galegas

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, defendeu no Pleno a emenda á totalidade do BNG ao proxecto de lei de medidas fiscais para a sostenibilidade enerxética que establece tributos que prexudicarán a empresas galegas e acabarán recaendo nos consumidores.

Rosana Pérez reprochou ao Ministro as contradiccións deste proxecto de lei porque o seu contido non ten relación co título. “Crean tributos que non son axeitados para desincentivar comportamentos contaminantes. Só teñen finalidade recadatoria”.

Nese sentidou, mencionou o imposto sobre o valor da enerxía eléctrica que grava a producción de enerxía eléctrica con independencia de se é unha fonte limpa ou non. “Obvia o principio de quen contamina paga. Non se vai cara unha fiscalidade verde digna de tal nome”. Ademáis, sostivo Rosana Pérez, “moito nos tememos que os tributos que van introducir acaban recaendo nos consumidores”.

Levará á destrucción de empregos

Outra cuestión que a deputada do BNG criticou foi a relativa ás enerxía renovábeis, “posto que se frea o desenvolvemento deste tipo de enerxías”. Este proxecto, subliñou, súmase ao Decreto 1/2012 que suprimiu as primas ás enerxías renovábeis “e supuxo o toque de gracia ao sector eólico en Galiza, co conseguinte impacto nos postos de traballo que se ían crear”. Nesa liña, advertiu que os tributos que se implantan van prexudicar a unhas 120 industrias galegas do sector da madeira ou da alimentación que usan a coxeneración para o seu funcionamento, reducirálles competitividade, aumentará os custes de producción e haberá que enfrontarse a despedimentos”.

Asemade, sinalou Rosana Pérez, “tampouco vale para afrontar o problema do défice tarifario. O principal problema do défice tarifario reside nun sistema de xeración de prezos totalmente opaco e inxusto, segundo o cal o prezo final da electricidade no mercado maiorista está determinado polo prezo da última oferta que se aceite”. Este mecanismo, puntualizou, xera uns beneficios estraordinarios ás eléctricas. O problema, dixo a deputada do BNG, “está na metodoloxía para calcular o custe da producción”.

A parlamentar nacionalista denunciou que “os efectos para os consumidores non poden ser piores. O aumento anual do prezo da electricidade é maior que o IPC desde o 2006. Por iso, débese reformar con urxencia a lei porque as familias teñen cada vez máis problemas para chegar a fin de mes. O sistema actual de prezos eléctricos está dando grandes beneficios ás eléctricas a cambio do sacrificio dos consumidores”.

Polo tanto, concluiu a deputada do BNG, “este proxecto de lei non garante a sostenibilidade, non resolve o problema do défice tarifario e non cambia o modelo productivo. Por iso, pedimos a devolución da lei”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG