O BNG opónse á Lei de Mutuas e acusa a Báñez de sumir en maior desprotección aos traballador@s

CONGRESOA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, deixou claro na súa intervención na sesión plenaria a oposición rotunda do BNG ao proxecto de lei sobre as Mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

Davila acusou ao Goberno de pretender “só dotar de maiores faculdades de intervención e autoridade na xestión en aspeitos de saúde dos traballadores e traballadoras”. A deputada do BNG sinalou que as mutuas ampliaron o seu campo de acción para xestionar non só as continxencias profesionais, senón tamén as comúns. Lembrando que “son entidades privadas controladas polas agrupacións empresariais”.

Así, alegou, “este proxecto de lei avanza no proceso de protagonismo das Mutuas, o que supón unha privatización progresiva da xestión da saúde dos traballadores, acentuando aínda máis a capacidade das mutuas”. Neste sentido, Davila mencionou a posibilidade das Mutuas de intervir desde o primeiro día en supostos de incapacidade temporal, así como a facultade de propór a alta médica.

Todo isto, resumiu Davila, “tradúcese nunha maior desprotección e inseguridade dos traballadores fronte a unhas entidades patronais que se rixen máis ben por criterios economicistas, de aforro do gasto médico, que por criterios de saúde”.

Debe haber maior control do sistema público

En suma, afirmou Davila, “non se trata de limitar o absentismo laboral desproporcionado, que xa se estaba a reducir cada ano, senón de afortalar o papel das Mutuas e potencialas, cuestionando así a profesionalidade do personal sanitario do sistema público de saúde”. Ademáis, o proxecto de lei impón que os Servizos de Prevención de Riscos Laborais que dependen das Mutuas sexan externalizados, “pese a ser os únicos servizos que prestaban as Mutuas cuxa avaliación era positiva”.

A deputada do BNG subliñou que “tampouco compartimos a reforma do financiamento da Fundación de Prevención de Riscos Laborais. Esta medida xunto as recentes reformas relativas a facilitar que en empresas de menos de 25 persoas empregadas poida cumprir coas labores de prevención de riscos o responsábel empresarial, “aprofundará na desprotección dos traballadores e traballadoras de empresas máis pequenas, que son a maior parte do tecido económico de Galiza”.

Davila rematou pedindo a devolución ao Goberno deste proxecto de lei, instando ao Goberno a “reforzar o papel e o control do sistema público de saúde, restrinxindo o papel das Mutuas ao ámbito das enfermidades profesionais e de accidentes de traballo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG