pacto PPA portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, subiu á tribuna da Cámara esta tarde para deixar claro o voto en contra do BNG ao pacto PP-PSOE en materia de delitos de terrorismo.
Davila acusou aos dous partidos de facer un paripé de estado consistente en escenificar a súa predisposición a chegar a pacto cando o bipartidismo caducou socialmente. A deputada do BNG criticou o pacto tanto polas formas como polo contido, e detívose especialmente na ampla definición que se fai do concepto de delito de terrorismo.
Máis recurtes en liberdades
Unha definición tan ampla que pode levar a acusar a calquer grupo ou persoa que convoque ou participe en movilizacións sociais ou fagan declaracións que non tendo nada que ver co terrorismo non sexan do gosto ou do interese de quen goberna, enfatizou.
Aludiu como exemplos ás manifestacións convocadas fronte ao Congreso. Apelou ao PP e ao PSOE a explicar con maior clareza o obxectivo deste pacto que chaman pacto de estado. Cal é o ben social que vai reportar aos cidadáns este acordo? Vai reportar maior seguridade ou vai recurtar aínda máis as liberdades?.
A portavoz do BNG acusou a ambas formacións de tratar de profundizar no medo dos cidadáns, de xeito que se poida xustificar a falla de dereitos e liberdades en aras dunha maior seguridade, típica posición de sociedades amedrentada, de xeito que incluso se estea disposto a xustificar a pena de morte.
A parlamentar nacionalista puxo de manifesto que en relación coas actividades ou actos terroristas, coa lexislación actual na mán, xa se poderían levar a cabo moitas das actuacións contidas nesta proposición de lei.
En relación á cadea perpetua, amosou a preocupación do BNG porque como lexisladores deberíamos estar preocupados, en lugar de acomodados como parecen estar o PP e o PSOE, con enquisas que indican que unha maioría de cidadáns están dacordo coa cadea perpetua, aprobada hai unhas semanas, porque iso significa estar máis dacordo cun sistema penal vengativo non rehabilitador que cun sistema que aplique xustiza desde a razón fronte á irracionalidade de quen delinque.