O BNG ofrece 40 propostas para que Galiza recupere voz propia e unha axenda de país ante Madrid

Rodil: “ Non se pode reducir Galiza a unha mera marca turística”

Acusa ao Partido popular de branquear a súa posición contra a loita machista cando evita romper os pactos coa extremadereita que negan a violencia contra as mulleres

Na terceira xornada  do Debate do Estado da Nación celebrado no Parlamento galego, a  viceportavoz do grupo parlamentar do BNG, Olalla Rodil defendeu 40 propostas para que “Galiza recupere voz propia e unha axenda de País fronte Madrid” fronte ás medidas do Partido popular que pretenden, dixo, “reducir Galiza a unha mera marca turística”.

A parlamentaria reprobou que o Partido popular defendera unha proposta de resolución co intención de  “branquear” a súa posición contra a loita machista pero evitando “romper  os pactos con organizacións da extremadereira” como lle reclamaba o BNG.

Na súa intervención, Rodil reiterou o presidente da Xunta, “Núñez Feixóo   vive fóra da realidade, carece de proxecto de futuro para Galiza” e utilizou o principal debate do ano con propostas da década dos  90, fiando todo “aos fastos xacobeos”.

De verdade cren que a crise demográfica, a precariedade laboral, a crise industrial, a asfixia na sanidade, as listas de espera en dependencia… de verdade cren que se soluciona encomendándose ao Santo? Preguntou.

Tras dez anos de goberno, o Partido popular deixa “unha Galiza peor” sen capacidade para  enfrontar os retos que temos por diante como país e o incerto escenario político e económico que se abre ao noso redor.

“Temos unha profunda crise demográfica, menos persoas traballando, traballadoras e traballadores que soportan peores salarios, peores condicións laborais e menos dereitos dos que tiñan hai dez anos” ao que sumou “un tecido produtivo mermado e desgaleguizado”. A parlamentaria nacionalista non escatimou críticas contra a xestión da Xunta nos servizos públicos como a sanidade con “dez anos de recortes”.

MÁIS AUTOGOBERNO

Temos un autogoberno, que xa era insuficiente, pero que nestes 10 anos foi reducido a papel mollado porque non foi defendido nin ampliado. Neste sentido, explicou que non foi reclamada ningunha competencia, en dez anos,  “ningunha”, recalcou. Moitos golpes de peito coa AP9 pero aí segue, en mans do Estado, privatizada e AUDASA ingresando 400 mil euros diarios en peaxes.

A nacionalista insistiu na necesidade de “recuperar peso político” con propostas para   avanzar colectivamente, “nunha sociedade máis xusta, con dereitos, máis equilibrada territorialmente, feminista, orgullosa do que somos, da nosa lingua que nos une como pobo e nos conecta con máis de 200 millóns de persoas no mundo”.

Neste país, engadiu Rodil,  hai máis de 10,000 persoas agardando por unha axuda á dependencia,150 mil traballadores e traballadoras non chegan aos 900 euros ao mes, máis de  4.000 persoas menores de 35 anos agardan por unha vivenda pública para poder emanciparse e iniciar un proxecto de vida autónomo.

“Este país é máis que un destino turístico onde vir comer marisco baratísimo y que rica la empanada”, é máis que unha postal e desde o BNG apelamos as galegas e galegos a que non se conformen, que non se resignen porque teñen, temos, dereito a máis.  

Sobre a crise demográfica, Rodil pediu ao PP abordar un debate “en serío” sobre a xornada laboral, derrogar as reformas laboráis, iniciar un Plan de retorno da mocidade emigrada con orzamentos e políticas integrais, prohibir por lei que empresas que vulneran os dereitos de maternidade e conciliación poidan recibir axudas públicas, ou  a “escolarización das crianzas, de 0 a 3 anos” como dereito básico e gratuito para todas as familias e “non só a partir da segunda crianza”.

PROPOSTAS DO BNG PARA IMPULSAR A ECONOMÍA

Para a viceportavoz do grupo parlamentaria do BNG é preciso un gran impulso da economía galega polo que propuxo que a enerxía que producimos sexa destinada ao noso servizo  garantindo un prezo xusto e competitivo para as familias, as empresas e a industria. E iso, recalcou, pasa por “reducir as peaxes que pagamos por transportar fóra a enerxía e a creación dunha  Tarifa eléctrica galega. Pechar os ciclos produtivos xerando valor engadido. Galiza produce o 40% do leite de todo o Estado e cobra o prezo por litro máis baixo, 1,3 céntimos menos por litro que a media. A metade da madeira que se corta no Estado procede de Galiza. Somos a novena potencia forestal europea. Pero “só o 8% ten unha transformación secundaria aquí”:.

Rodil acusou ao Partido popular de “ser un tapón” de freo para o progreso de Galiza en Innovación polo que propuxo un “Pacto galego pola ciencia” co investimento progresivo do 3% do PIB e a creación do “INNOGAL”, Instituto Galego público de Innovación.

MENOS DISCURSOS E MÁIS RECURSOS CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Rodil suliñou que a democracia debe garantir os dereitos fundamentais de todas as persoas e un país como Galiza non pode tolerar o asasinato de 45 mulleres, 18 denuncias diarias por violencia machista e tres delitos sexuais durante 10 anos. “Isto si que é terror”, polo que pediu que “un de cada cen euros” sexan dedicado a políticas contra a violencia de xénero e xulgados exclusivos  en todas as cidades galegas.

Na réplica, a deputada do BNG acusou de “cinismo político” ao PP e preguntou porque non aproba a proposta de resolución do BNG que pide que “se condenen os pactos coa extremadereita que nega a existencia de terrorismo machista”. De cinismo político, dixo, “vamos bastante servidas”.

OUTRA POLÍTICA FINANCEIRA

Sobre este extremo, a deputada afirmou que nos vindeiros anos o modelo de financiamento e o dereito a decidir centrarán boa parte do debate político. “E Galiza non pode ficar á marxe”. No BNG somos nacionalistas, defendemos o dereito de autodeterminación como un dereito democrático inherente a todos os pobos do mundo. Queremos un sistema de financiamento baseado nunha relación bilateral co Estado. Esa é a nosa posición.

Estas 40 propostas chaman por nós a non conformarnos porque  as galegas e galegos temos  dereito a máis,  temos dereito a todo, concluíu.
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG