parlamento galego

BNG obtén a unanimidade do Parlamento para pedir ao Estado a cesión dos inmobles da SAREB á Xunta sen custe adicional para Galiza

Alexandra Fernández
Alexandra Fernández
Alexandra Fernández criticou “a propaganda” do goberno central e do Goberno do PP respecto da vivenda, acusando a este último de ser o responsable “da práctica desaparición da vivenda protexida nos últimos 14 anos”

O BNG reclamou no Pleno do Parlamento que os inmobles en propiedade da Sociedade de xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) sexan cedidos gratuitamente ás Comunidades Autónomas, nomeadamente a Galiza, xa que a cidadanía do estado xa aboou 50.000 millóns de euros no seu rescate, detallou a portavoz de Vivenda, Alexandra Fernández.

“Nos últimos anos tivemos do goberno central moitos anuncios e poucos feitos”, denunciou a portavoz de Vivenda , en referencia ao anuncio, hai xa dous anos, da cesión de 10.000 inmobles da SAREB ás CCAA, “e agora o goberno central fai un novo anuncio de cesión de 50.000 vivendas ás CCAA e concellos”, detallou, mais “o que podería parecer positivo é un novo intento de estafa, xa que das 21.000 vivendas identificadas para uso social de SAREB o Estado empraza a  acordos de venda ás CCAA ou concellos, en lugar da súa cesión gratuíta” sobre uns inmobles que xa foron custeados con cartos públicos, criticou Fernández.

“A Xunta e o Goberno Central parecen estar de acordo nesta estratexia de volver inflar con cartos públicos o finiquito da SAREB a cambio de quedarnos coas migallas de toda esta operación”, recriminou a Populares e Socialistas a deputada do Bloque, que ademais fixo referencia á recente compra de 40 vivendas da SAREB por 3,5 M€ por parte da Xunta. 40 inmobles “que son os mesmos que xa estaban cedidos para a súa xestión ao IGVS para que os destinase para aluguer social”, informou, e dos que a SAREB xa non extraía beneficio. “Agora en lugar de poder explotar o seu uso social de forma gratuíta temos que pagar 3,5 M€”, recriminou.

A portavoz de Vivenda fixo referencia ao previo acordo unánime da Cámara a unha iniciativa do BNG na que se solicitaba do goberno central “a cesión inmediata ao IGVS daqueles activos inmobiliarios de uso residencial propiedade da SAREB que se atopen nun estado axeitado para tal uso e que se empracen en zonas onde exista demanda de vivenda”, algo que contradí o que agora demanda o goberno central no relativo á compra duns bens inmobiliarios que xa foron pagados con cartos públicos.

A deputada nacionalista demandou ao Goberno do PP “poñerse ao carón” dos galegos e galegas e lle demande a SAREB que os inmobles a ceder á Xunta superen as 42 vivendas que está disposta a ceder, “á Consellería de Vivenda parécelle ben que a SAREB diga que, das 1830 vivendas que ten xa construídas, das outras 1241 con obras en curso e dos 1252 solos dos que dispón, só estea en disposición de vender 42.

Fernández tamén criticou “a propaganda” do goberno central respecto de vivenda, xa que, das 120.000 vivendas anunciadas, “aínda non sabemos nin cando nin como van estar”, recriminou. Unha denuncia que estendeu ao Goberno de Rueda, ao que acusou de ser o responsable “da práctica desaparición da vivenda protexida nos últimos 14 anos”. “Que credibilidade teñen as promesas de 1.800 vivendas para 2026, cando nos últimos 8 anos apenas houbo 22 cualificacións provisionais de vivenda protexida de promoción pública?”, inquiriu aos Populares.

A deputada do Bloque contextualizou esta proposta do BNG “na actual carreira contrarreloxo” para recuperar ditos inmobles, xa que a SAREB está aumentando o ritmo co que se desfai de inmobles que aínda ten en carteira xa que a entidade ten o fin de disolverse en 2027. “Neste momento o ritmo de desinvestimento é elevado: a SAREB vende unhas 200 vivendas á semana. O ano pasado desfíxose de 8.500 inmobles e en 2021 case 10.000 foron vendidas. O feito de que a entidade teña que disolverse en 2027, sitúanos no tempo de desconto e acelera este ritmo de vendas”, emprazou.

É por iso que o Bloque propón que a Xunta lidere a reclamación de cesión gratuíta destes bens e, neste sentido, cominouna a elaborar un informe sobre os activos da SAREB en Galiza e seleccione aqueles que nos interese solicitar, tendo en conta o estado do parque e os criterios de demanda sociais de vivenda, Estas propostas, cuxo compromiso explicita que esta cesión será solicitada antes do fin do período de sesións, atoparon o si de todas as forzas políticas da Cámara. Non así o punto relativo á creación dun servizo de mediación, protección e asesoramento aos inquilinos por parte do IGVS, que foi rexeitado polo grupo popular.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG