O BNG conseguiu o voto unánime de todas as forzas políticas da Cámara para que se recoñeza o dereito dos e das pensionistas cotizantes dende 1967 a que se lles devolva o pagado de máis a Facenda desde hai catro anos.
“Todas estas persoas son perceptoras hoxe dunha pensión contributiva que está sometida ao gravame do IRPF, é dicir, reciben unha pensión de xubilación da Seguridade social pola que teñen que pagar a Facenda”, relatou Ramón Fernández Alfonzo, portavoz de Economía, “e moi probablemente a Seguridade Social está descontándolles da súa pensión máis do que lles corresponde”. Isto é debido a que aquelas cotizacións realizadas antes de 1967 non reducían a base do imposto sobre a renda, “tal e como se fai hoxe en día coas cotizacións á Seguridade Social, polo que xa foron obxecto de tributación no seu día”, expuxo.
A solución aportada pola Axencia Tributaria, explicou o deputado do BNG, consiste en dividir a pensión actual que perciben estas persoas en dúas partes, “a que foi xerada coas cotizacións realizadas con anterioridade ao ano 1967, cotizacións que xa tributaron no seu momento e polo tanto actualmente deben estar exentas, e a parte da pensión que foi xerada con cotizacións posteriores a 1967, que si debe tributar como ven facendo até o de agora”. Todas aquelas persoas que están a reclamar a Facenda a devolución das cantidades pagadas de máis durante os últimos catro anos, remarcou, “están recibindo esa devolución sen ter que litigar”, sinalou.
Estas devolucións “deberan ser obxecto dunha solución de oficio por parte de Facenda e de carácter universal, que non dependa de que as persoas particulares cheguen a saber que teñen este dereito e de que presenten unha reclamación. Debe pagárselle a todo o mundo o que corresponda”, emprazou o parlamentario nacionalista, en alusión ao descoñecemento xeral sobre este suceso que afecta a un considerable número de pensionistas.
O BNG “non está pedindo pedindo ou creando neste caso un novo dereito, nin sequera un cambio de criterio ou de interpretación da norma” explicou o portavoz de Economía, senón que se recoñeza a todas as persoas “aquelo que xa se está recoñendo a algunhas”. Para corrixir este erro, argumentou, a Seguridade Social debe sacar da base impoñíbel das prestacións que aboa ás persoas beneficiarias a parte non suxeita a tributación “segundo o criterio da resolución do TEAC de 1 de xullo do 2020 sobre o tratamento das achegas a Mutualidades laborais anteriores a 1 de xaneiro do 1967”, caso que fornece a petición levada polo BNG á Cámara.
En segundo lugar, demandou o parlamentario do Bloque, a Axencia Tributaria debe regularizar automaticamente o IRPF das persoas que realizaron achegas a Mutualidades laborais antes do 1 de xaneiro do 1967, procedendo á devolución das cantidades cobradas indebidamente durante os últimos catro exercicios”, é dicir, a recuperar o quitado por Facendo dende o 2020.
O BNG acadou o voto favorable da totalidade da Cámara, impelendo deste xeito a Facenda e ao goberno central a facilitar “no máximo posible” o proceso de devolución destas cantidades cobradas indebidamente durante os últimos catro exercicios por IRPF dos e das cotizantes dende o 1 de xaneiro de 1967, coa devolución automática das cantidades substraídas.