Co obxectivo de garantir a igualdade entre homes e mulleres no ámbito da ciencia e a investigación, o BNG consegue introducir na Lei de Paridade unha disposición nova que obriga a incorporar mecanismos correctores nas distintas convocatorias públicas de I+D+i para evitar calquera tipo de discriminación e/ou penalización directa ou indirecta por razón de sexo.
A Administración Xeral do Estado e o sector público estatal deberán desenvolver medidas tendentes a garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes evitando calquera discriminación ou penalización directa ou indirecta por razón de sexo en todos os procesos de avaliación e/o selección do persoal investigador.
Para as convocatorias públicas de I+D+i onde o criterio de avaliación comprenda a valoración dos méritos alcanzados durante un período concreto e limitado ou ao longo de toda a carreira investigadora, así como aquelas en que o criterio de avaliación estea baseado na consecución duns méritos mínimos computados durante o total da carreira investigadora ou durante un período limitado e concreto desta, a Administración Xeral do Estado e o sector público estatal deberán computar como tempo de inactividade investigadora, como mínimo, o tempo gozado de permiso de maternidade, paternidade, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/o lactación e incapacidade temporal asociada ao embarazo ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso.
Nas bases das convocatorias de axudas, terán que estabelecer factor corrector que en cada caso corresponda e que permita compensar os períodos de inactividade investigadora e garantir a igualdade de oportunidades.
“Galiza conta, desde 2021, cunha das lexislacións máis avanzadas en materia de igualdade de xénero no ámbito universitario e da investigación grazas ao BNG que presentou a Lei 13/2021, de 20 de xullo, coñecida como Lei Ángeles Alvariño” lembra o deputado do BNG no Congreso. Agora, durante o debate e tramitación da Lei de Paridade, garante a igualdade real entre mulleres e homes na universidade. O texto, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia, estabelece o deber de todos os organismos públicos de incorporar mecanismos correctores nas distintas convocatorias públicas de I+D+i para que o tempo por coidado de fillas e fillos non supoña unha discriminación nos procesos de avaliación.