Congreso

BNG logra un acordo no Congreso para a cesión da “Crónica Troiana” á Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

O acordo recolle a cesión temporal e abre a posibilidade de que o manuscrito quede en depósito permanente nunha institución cultural pública con sede na Galiza

“É de xustiza que este manuscrito sexa devolto ao pobo galego. Isto é o inicio desta loita para que a cesión sexa permanente” reivindica Néstor Rego

Acordo da Comisión de Cultura da cámara baixa, agás o voto en contra da ultradereita e a abstención do PP

No marco do 650º aniversario da obra literaria “Crónica Troiana”, o Bloque Nacionalista Galego consegue que sexa aprobada na cámara baixa unha iniciativa que insta o Goberno á cesión do manuscrito a unha institución cultural galega e se realice unha campaña de promoción e difusión “que permita un coñecemento más amplo da obra”. Así mesmo, ábrese a porta a que, con independencia da titularidade do manuscrito, a obra quede en depósito permanente nunha institución cultural pública con sede na Galiza.

A iniciativa contou co apoio maioritario da Comisión de Cultura do Congreso, agás o voto en contra da ultradereita, após a elaboración dunha emenda transaccional. Neste sentido, o deputado do BNG adianta que este “é o primeiro paso” e a organización nacionalista “seguirá traballando para conseguir a devolución ao pobo galego con carácter permanente”.

“Este códice é esencial para a literatura galega cun valor simbólico enorme. Trátase dun dos manuscritos en prosa máis extensos da literatura galega medieval, que son a proba viva da historia e da cultura galegas, da importancia e peso que o galego tivo na Idade Media como idioma propio dun dos Reinos con máis peso da época medieval: o Reino da Galiza” subliña Rego.

O deputado do BNG salienta que ningún dos grandes códices que recollen a extraordinaria literatura galega, quer lírica, quer en prosa, se achan na Galiza e están espalladas por diferentes lugares (Madrid, Roma/Vaticano, Nova York, Berkeley...) e defende a importancia simbólica de que as que se encontran en institucións do Estado español poidan sediarse na Galiza. “Hoxe a tecnoloxía permite a dixitalización e, por tanto, a consulta on line de calquera obra. Con efecto, o traslado ao noso País da Crónica troiana non afecta a accesibilidade á versión dixitalizada, mais é innegábel que do punto de vista simbólico, isto é importantísimo para a cultura galega”.

Abre a porta a que a obra se sitúe de forma permanente na Galiza

O BNG, que reclama a devolución do manuscrito que actualmente se encontra na Biblioteca Nacional en Madrid, consegue que o Congreso inste o Goberno a que se abra a estudar a cesión permanente do manuscrito a unha institución cultural pública con sede na Galiza”. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG