O BNG leva ante Schluz a limitación no uso das linguas e na presentación de propostas na Eurocamara

Ana Miranda defende as reivindicacións da frota galega en Mauritania.

O BNG dirixiuse por carta ao presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, para trasladarlle a vulneración democrática que supón limitar a cinco o número de iniciativas parlamentarias mensuais que @s eurodeputad@s poden dirixir á Comisión e ao Consello, cando nas pasadas lexislaturas non existía límite algún.

“Parece que se quere limitar a capacidade da Eurocámara, precisamente a única institución comunitaria elixida directamente pola cidadanía”, subliña Ana Miranda, portavoz en Bruxelas e secretaria de Política Internacional, que interpreta esta medida “como unha limitación da democracia”.

Na carta dirixida a Schluz, subliña que “non se pode utilizar o argumento do aforro para limitar a capacidade dos representantes do pobo a trasladar os problemas da sociedade, no caso do BNG, os problemas de Galiza. Non se pode aforrar en democracia”, alega Miranda, quen propón que postos a recortar se mira para gastos “superfluos e mesmo reprobables, como as viaxes en primeira clase financiadas pola Eurocámara”.

Ao mesmo tempo, a representante do BNG denuncia no escrito ao presidente da Eurocámara que, a diferencia doutras lexislaturas, nesta só se poidan presentar as iniciativas parlamentarias na lingua do Estado de elección, en inglés ou en francés. “Esta limitación atenta contra é o multilingüismo, posto que ignora que hai estados, como o español, con linguas oficiais como o galego”.

En calquera caso, subliñou Miranda, o BNG seguirá facendo como fixo sempre xa desde a presenza de Camilo Nogueira como eurodeputado, utilizando o galego-portugués nas súas intervencións tanto en Pleno como en Comisión no Parlamento Europeo.

“O BNG falou sempre en galego internacional no Parlamento Europeo e nunca tivemos problema para que nos entenderan, aínda que puntualmente teñamos utilizado outras linguas europeas nas nosas intervencións”, subliñou Miranda.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG