O BNG traslada ao Parlamento a situación de POLIGAL a través dunha pregunta en Pleno ao Goberno da Xunta para que explique na Cámara as medidas que está adoptando o Executivo de Feixoó para garantir a continuidade desta factoría, que da emprego a un cento de persoas en Narón.
A formación nacionalista considera que a Xunta ten que implicarse co cadro de persoal na procura dunha solución que permita o mantemento da actividade produtiva e dos postos de traballo. Así llo transmitiron a portavoz nacional, Ana Pontón, e a portavoz parlamentaria de Industria, Noa Presas, aos representantes dos e das traballadoras na reunión que mantiveron a pasada semana no propio Parlamento.
“Expresamos o noso apoio absoluto os traballadores e as traballadoras de POLIGAL nestes difíciles momentos, e instamos á Xunta a actuar de xeito inmediato”, salientou Presas, quen instou ao conselleiro de Industria “a liderar unha negociación que evite o peche desta empresa nun sector estratéxico como o de tratamento de plásticos”.
Presas criticou “a deslocalización encuberta” pola que a patronal pretende levar a actividade produtiva fora de Galiza, “pese a contar con carga de traballo até o mesmo día en que se anunciou o concurso de acredores”, como explicaron os propios traballadores no encontro. A multinacional ten outras plantas en Portugal e Polonia, neste último caso posta en funcionamento en 2018.
Para evitar o peche é imprescindible a implicación do Executivo. “O Goberno galego ten que implicarse porque non se pode asumir o cerre desta empresa, ten que abandonar a súa estratexia do avestruz e deixar claro que non imos permitir que a factoría peche as súas portas porque tería un impacto moi negativo en termos de emprego e económicos para Narón e a comarca de Ferrolterra”, explicou Presas naquela reunión.
O Bloque subliña que desde a chegada de Feixóo a Montepío, o ocupación no sector industrial en Galiza baixou en 13.700 polo que urxe evitar que a “desertización industrial” siga avanzando coa perda de novas factorías como esta fábrica ubicada no polígono das Gándaras.