O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas para exixir ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana que licite as obras da estación intermodal de Ourense, após anunciar o seu compromiso coa cidade. A organización nacionalista defende que o proxecto de reforma do trazado para a circulación de trens se traslade ás vías máis próximas á rúa Río Arnoia e non na súa localización actual para unha mellor circulación.
Tras a publicación, por parte de ADIF, no Diario Oficial da UE de dous anuncios previos a licitación de dous dos principais contratos para a execución das obras na estación do Empalme de Ourense, a formación nacionalista rexistra preguntas para a súa resposta escrita para coñecer as intencións do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, así como o calendario para esta actuación. Trátase, de maneira máis concreta, dun contrato de subministracións e transportes dos desvíos ferroviarios por valor de 6.9 millóns de euros e outro contrato por importe de 1.5 millóns.
De facto, a propia Ministra comprometeuse a licitar as obras no segundo trimestre de 2022. “Trátase da remodelación do edificio de viaxeiros existente, da construción de novos accesos e elementos que faciliten a mobilidade en toda a zona ou de novas cubertas para a praia de vías, debe acometer unha reforma do trazado actual para a circulación dos futuros trens” explica o deputado nacionalista.
Mais o obxecto principal das iniciativas rexistradas vén a tenor dunha das cuestión máis polémicas do proxecto. “O BNG defende desprazar as vías da súa localización actual ás vías que se atopan máis próximas á rúa Río Arnoia para mellorar a circulación tanto de pasaxeiro como dos trens” subliña Néstor Rego. Ademais, dito traslado permitiría liberar aproximadamente 100.000 metros cadrados de chan que “poderían destinarse para uso e desfrute da cidadanía de Ourense”.
Por este motivo, o BNG quere coñecer se o Ministerio, ademais de cumprir cos compromisos adquiridos pola Ministra, comparte a visión de trasladar as vías operativas e liberar o espazo. O deputado nacionalista lembra que xa presentaron iniciativas similares ante a posíbel especulación dos terreos que se podían liberar, de producirse este desprazamento das vías, e reivindica ese espazo como “un lugar público do que a veciñanza de Ourense debe desfrutar”.
Servizo de proximidades ferroviarias: a campaña “Queremos Tren”
O deputado do BNG no Congreso, aproveita a ocasión para reclamar a implantación do servizos de cercanías ferroviarias no País, con especial atención ás áreas metropolitanas das cidades. Rego defende o ferrocarril como un medio de transporte “eficaz, eficiente e sustentábel” e aposta pola modernización tanto das infraestruturas, das redes como dos servizos ferroviarias.
Así mesmo, lembra as diversas iniciativas rexistradas en que se reclama ao Goberno do Estado para rectificar a súa política de desmantelamento do servizo ferroviario interno na Galiza e retome as liñas e frecuencias do AVANT que conecta a cidade de Ourense con Santiago e Coruña, así como o estabelecemento de tarifas máis baratas que permitan empregar o transporte colectivo en detrimento do vehículo particular.