parlamento galego

BNG lamenta que o PP vetara todas as emendas nacionalistas para mellorar uns orzamentos que “non dan resposta ás necesidades da cidadanía”

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil afirma que o PP persiste nos “ anuncios e cheques electorais” para  amarrar o goberno que se lle vai das mans e vota en contra de  604 emendas do BNG encamiñadas a mellorar as condicións de vida dos galegos e galegas

Anunciou  que o BNG defenderá  a reforma  da lei electoral  ao Parlamento de Galiza para ampliar o voto aos 16 anos

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil avanzou os asuntos que o BNG levará a vindeira sesión plenaria no debate final dos Orzamentos tras rematar o trámite de emendas parciais e despois de que o Partido popular rexeitara 604 propostas  para  mellorar a sanidade pública galega,  incrementar as pensións non contributivas e  destinar 1 de cada 100 euros a loitar contra a violencia machista.

“O PP négase a reforzar o Servizo de Axuda no Fogar, recuperar dereitos laborais do profesorado, mellorar a calidade educativa no ensino galego e mellorar os  servizos públicos e as condicións de vida das galegas e dos galegos”, criticou a deputada

A xuízo da viceportavoz do BNG, os orzamentos  “non responde ás necesidades deste País”, non responden  aos graves problemas que arrastra nin enfronta os retos de futuro. O PP, unha vez máis, persiste en “inzar de anuncios e cheques electorais para tentar con desesperación,  amarrar o goberno que se lle vai das mans”, reiterou.

Rodil afirmou que  “as galegas e galegos non se venden por un bono para mercar un chándal ou para ir de cruceiro”. A xente deste país o que quere é ter un médico que os atenda cando enferman, sentenciou.

Rematado o pleno de Orzamentos, explicou a nacionalista,  dará comezo o pleno ordinario ao que levamos tres asuntos no  que consideramos pode ser “o último pleno da lexislatura”.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, na sesión de control ao presidente, preguntará a Rueda que balance fai destes 14 anos de Goberno do Partido popular, como cre que se atopan hoxe as galegas e galegos? Ou se  melloraron as nosas condicións de vida, se hai mellores servizos públicos e máis benestar que no ano 2009 coa chegada do PP á Xunta.

Reforma da lei para votar aos 16 anos

No avance dos debates propostos polo BNG, destacou  a proposición de lei de reforma da lei de eleccións ao Parlamento de Galiza co obxectivo de mellorar a calidade democrática  e ampliar dereitos como o  “voto aos 16 anos”  ademais de introducir, como mínimo, dous debates durante a campaña electoral entre as principais forzas políticas.

Hoxe, recalcou Rodil  a ninguén se lle escapa que os debates xogan un papel decisivo nos procesos electorais e a sociedade galega quere coñecer a través deles as propostas que defende cada opción política. “Queremos blindar por lei ese dereito das galegas e galegos a coñecer e a contrastar proxectos políticos”.

Ampliar o dereito do voto aos 16 anos.

A nacionalista xustificou esta petición argumentando que a esa idade calquera mozo ou moza pode “traballar, casar se está emancipado ou emancipada, conta co recoñecemento da maioría de idade sanitaria, é responsable penalmente dos seus actos” e mesmo pode acceder a ter unha licencia de armas para ir de cada, e dicir “pode ir ao monte cunha escopeta e matar un xabaril pero non meter unha papeleta nunha urna”.

Con 16 anos non tes dereito a voto. Non podes participar de maneira activa nun proceso electoral no que se decide o teu futuro e dende o BNG, queremos  “recoñecer a capacidade para decidir politicamente a partir dos 16 anos  como acontece en Austria,  Brasil,  Arxentina e  nalgún länder alemán como o de Bremen”.

Asemade, agregou a deputada do BNG, tamén levaremos ao pleno unha pregunta urxente sobre a situación de Alcoa San Cibrao despois do anuncio da empresa de que non reactivará o forno da planta de aluminio en 2024.

“Esta planta xera centos de postos de traballo  e  representa unha parte fundamental do PIB de toda a provincia de Lugo” e o Goberno galego debe dar unha resposta sobre o futuro da planta e dos seus traballadores e traballadoras, concluíu.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG