parlamento galego

BNG lamenta que o PP impida un acordo para impulsar a visibilización dás mulleres no sector do mar

Carmela González
Carmela González

Carmela González reclamou incluír a todas as asociacións de mulleres no Consello galego de Pesca e mudar a nomenclatura das confrarías por outra máis inclusiva

Mostrou a súa reticencia a nova Lei de Igualdade, pendente de debate  e aprobación, por non recoller medidas correctoras  e dotar de contido o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar

O BNG lamenta que o PP impida u acordo para instar á  Xunta a iniciar accións de visibilización dás mulleres no sector do mar e acadar unha verdadeira igualdade entre homes e mulleres.

A deputada do BNG, Carmela González reclamaba no texto unha  maior presenza de mulleres  no Consello galego a Pesca e mudar a nomenclatura das Confrarías por outra máis inclusiva.

Na súa intervención, criticou que despois de tres anos de debates na Cámara galega para camiñar cara a igualdade real entre homes e mulleres no sector do mar, “non temos avanzado nada” e despois dun acordo “por unanimidade” para a posta en marcha do Observatorio de Igualdade do Sector Pesqueiro Galego, tampouco avanzamos “nada”. A nacionalista mostrou a súa reticencia á nova Lei de Igualdade na que aparece o Observatorio das Mulleres Rurais e do Mar, como unha mera mención pero pendente de regulación.

Ao seu xuízo, o Goberno do PP “falla  unha vez máis ás mulleres e terá que ser o próximo goberno do BNG na Xunta o que active e axilice esta medida” porque as mulleres da pesca non poden agardar máis, e carecen de visibilización e representación, como demostran os datos do Consello Galego de Pesca con “54 membros dos que  só 9 son  mulleres”

A deputada do BNG afirmou que resultaría moi fácil integrar  a todas as asociacións de mulleres do mar, incluídas as que xa o teñen solicitado como é o caso da única asociación de mulleres do mar de ámbito galego “Mulleres Salgadas” que está a desenvolver un traballo fundamental na procura da igualdade e da visibilización das mulleres no sector da pesca, pero todo fai pensar que o PP “non ten vontade política para cambiar esta situación” a todas luces, “discriminatoria”,

O PP, recalcou a nacionalista,  non impulsa a igualdade, e  nega as desigualdades entre homes e mulleres porque  “abraza á ultradereita e o seu discurso machista”,

“O Consello Galego da Pesca é un caso de discriminación sexista dentro da  administración ao negar a representación das mulleres nun organismo público”, pero a escasa presenza e representación das mulleres no sector do mar tamén se da nas Confrarías. Os resultados das últimas eleccións celebradas o pasado de 29 de outubro para a renovación dos seus órganos de dirección son demoledores. ”Das 63 confrarías só 3 teñen á fronte a unha muller e tanto a Federación Galega de Confrarías, como as federacións provinciais están presididas por homes”. Unha representación que non reflicte o peso das mulleres no sector xa que as mulleres constitúen máis do 29% das 11.000 persoas socias das confrarías.

Para a deputada, a escasa presenza das mulleres nos órganos de dirección do sector do mar na Galiza é o reflexo da situación de desigualdade que sofren  no sector e por iso, urxe  poñer en marcha medidas que rematen con esta situación.

Por outra banda, dixo, é  igualmente importante   como nomeamos estes organismos, porque o   que non se nomea, non existe, de aí a necesidade de “ mudar a denominación das confrarías para que sexan máis inclusivas e igualitarias”.

As administracións deben traballar para fomentar o uso dunha linguaxe non sexista, usando a linguaxe de xeito igualitario mediante termos neutros ou o uso correcto dos xéneros, co fin de camiñar cara a unha sociedade sen subordinación de sexos.

Un sector pesqueiro sen discriminación é unha débeda que temos con esas mulleres “invisibles” que tiraron da familia mentres o home andaba ao mar, “debémosllo ás que traballan na actualidade no sector loitando por dignificar o seu oficio e debémosllo ás mozas que merecen un futuro no seu país, cun traballo digno  condicións laborais xustas”.

A deputada do BNG concluíu a súa intervención lamentando que o PP impedira o acordo para  ampliar o número de mulleres no Consello Galego da Pesca e ter a valentía para  ser as primeiras e os primeiros en facer que “se nomee o que existe”.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG