O BNG lamenta a morte de Chávez e destaca a súa loita contra o imperialismo

Hugo Chávez

Hugo Chávez

O portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, lamentou hoxe o falecemento do Presidente do Goberno de Venezuela, Hugo Chávez, e transmitiu as condolencias do BNG aos seus familiares e ao pobo de Venezuela.

Guillerme Vázquez afirmou que “Hugo Chávez foi unha figura política moi importante en Venezuela e en América Latina. Caracterizouse pola súa posición anti imperialista e pola defensa da soberanía do seu país”.

Enfrontouse ao imperialismo

O portavoz nacional do BNG destacou que “Chávez se atreveu a enfrontarse ao imperialismo, é unha figura que terá impronta histórica e deixou unha fonda pegada en América Latina. Logrou unha alianza con varios países da área para facer fronte ao imperialismo”.

Fortaleza ao pobo venezolano para continuar aprofundando o roteiro iniciado por Chávez

Tamén puxo de manifesto a súa defensa da soberanía nacional do seu país, propiciou a mellora da calidade de vida de amplas capas sociais probes, potenciou o reparto da riqueza, con especial atención ás maiorías sociais máis desfavorecidas e atendeu ao seu pobo”.

Guillerme Vázquez rematou desexando “fortaleza e firmeza ao pobo venezolano para continuar aprofundando o roteiro iniciado por Chávez e non esquecer a súa aportación a Venezuela e a América Latina”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG