O BNG interpelará mañá no Congreso os presidentes de Renfe e Adif sobre o sinistro do Alvia

A deputada do BNG Rosana Pérez interpelará mañá, xoves, os presidentes de Renfe e mais de Adif sobre o sinistro ferroviario de Angrois na Comisión de Fomento do Congreso, que comezará ás 10h. A parlamentar nacionalista, que formulará unha serie de cuestións sobre o Alvia accidentado e sobre a tecnoloxía da seguranza nos camiños de ferro de Galiza, fixará a posición do BNG ao respecto.

O venres, 9 de agosto, a proposta do BNG, comparecerá a ministra de Fomento para dar conta sobre as causas do accidente e sobre as xestións do Ministerio en relación co grave sinistro.

Ademais, o BNG xa rexistrou o pasado luns no Congreso unha proposición de creación dunha comisión parlamentaria de investigación, cun perfil técnico e independente do Goberno, para deitar luz sobre o grave sinistro e sobre a situación das infraestruturas ferroviarias en Galiza. O BNG defende que as causas do sinistro se aclaren con veracidade, obxectividade e transparencia para que non volva acontecer nada igual.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG