O BNG intensifica a súa campaña a prol do salvamento marítimo como servizo público

Montse Prado rexistra unha proposición non de lei no Parlamento que se suma ás mocións nos concellos e á recollida de sinaturas exixindo á Xunta que rectifique e deixe de ver un negocio privado no Salvamento

O Bloque Nacionalista Galego ven de intensificar a campaña emprendida a prol dun salvamento marítimo gratuito e universal, que garanta os níveis de seguranza necesarios para que todo o sector pesqueiro poida desenvolver o seu traballo sen poñer en perigo a súa vida.

A voceira de Pesca do grupo parlamentar do BNG, Montse Prado, lembra que para a formación nacionalista é unha prioridade conseguir o rescate como servizo público do Salvamento marítimo, pois feitos como a traxedia da percebeira de Oia evidenciaron o que tantas veces xa advertiu o BNG, os graves riscos que supuña a degradación deste servizo.

Política irresponsábel do PP

Neste sentido, Prado lembra as diferentes decisións adoptadas polo goberno galego que de forma “irresponsábel” foron precarizando as condicións do traballo do mar con consecuencias irreparábeis.

Refírese concretamente ao decreto polo que agora hai que pagar polas actuacións de salvamento, á eliminación do seguro colectivo de accidentes do mar, á vénda á empresa privada INAER dos helicópteros de salvamento Pesca I e Pesca II, á eliminación do buque de apoio e asistencia sanitaria á frota que acude á campaña do bonito ou á supresión do seguro de mal tempo.

80 por cento de sinistralidade

Para a parlamentar nacionalista, a situación xerada con este tipo de medidas é de extraordinaria gravidade, máxime cando se fala dun sector que sofre a maior taxa de sinistralidade de todo o estado español, un 80 opr cento.

“Estamos a falar de vidas humanas que lamentablemente xa non é posíbel recuperar –afirma- pero as traxedias si deben servir para adoptar medidas correctoras que eviten estes níveis de riscos intolerábeis no futuro”.

Dende esta convicción, o BNG emprendeu unha campaña por todo o País, tanto entre o sector como entre os cidadáns, para concienciar sobre a necesidade de que a Xunta rectifique e deixe de ver no salvamento un negocio .

Mocións e sinaturas

A distintas mocións nos concellos e á recollida de firmas a prol do salvamento como servizo público agora se suma tamén unha proposición non de lei rexistrada no Parlamento reclamando a derrogación do decreto que impón costes polas tarefas de salvamento; rescatar a venda dos helicópteros e recupar o seguro colectivo e accidentes no mar e o seguro do mal tempo.

Formulario Sinaturas Salvamento Marítimo

Moción defensa salvamento marítimo e seguros mar 090113

PNP_salvamento

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG