O BNG insta á Xunta a incoar expediente contra a Igrexa

Logo da "esperpéntica" cerimonia de entrega do Códice, é tempo de depurar responsabilidades e de adoptar medidas para que non se volvan repetir feitos como os acontecidos entorno a esta obra.

Así se manifestou a portavoz do GP do BNG, Ana Pontón, esta mañá, ao tempo que criticaba a “desafortunada” presenza do presidente do goberno do Estado, Mariano Rajoy, onte en Santiago na dita cerimonia.

“Un presidente que non ten tempo para explicar os novos recortes que vai aplicar aos cidadáns, si o atopa para vir facerse unha foto a Galiza que, ademais, non ten sentido ningún”, reprochou a parlamentar.

A voceira do grupo nacionalista, durante unha rolda de prensa no Parlamento, explicou que todo o acontecido entorno ao roubo do Códice, máxime cos dados que se están coñecendo día a día, demostran que o BNG estaba acertado dende o primeiro momento na súa posición.

Neste sentido, reiterou que os feitos non poden saldarse sen que asuman as súas responsabilidades tanto a Igrexa, que ten a obriga de custodiar a obra, como a Xunta, que por lei debe garantir a proteción do Patrimonio.

Iguais ante a lei

Para Ana Pontón, as leis están para aplicarse por igual en todos os casos e segundo a lexislación vixente, lembrou, todas as persoas, entidades, institucións públicas ou privadas que sexan titulares de bens patrimoniais galegos teñen a obriga da salvagardalos e garantir a súa seguridade e conservación.

O caso do Códice non pode saldarse sen a asunción de responsabilidades da Igrexa e da Xunta e sen medidas que melloren a proteción do patrimonio e a súa difusion

A parlamentar considera que, por tanto, a Xunta debe incoar expediente á Igrexa porque incumpriu claramente a lei no caso do Códice e adoptar medidas para que casos como este non se repitan e para que a conservación e difusión do rico patrimonio deste País sexa unha realidade.

 Inventario de bens e revisión de acordos

Pontón asegurou que nestes momentos hai grandes eivas en materia da posta en valor do patrimonio, nomeadamente da Igrexa, e está moi desprotexido, polo que reclamou, como medidas máis urxentes, que se faga un inventario de todos os bens que posúe nestes momentos o clero e en que estado se atopan.

Asemade, pediu a revisión dos acordos Xunta-Igrexa, de tal xeito que algúns dos bens cambien a súa titularidade, “pois fica demostrado que os acordos actuais son ineficaces, ou alguén aínda pode confiar en que a Igrexa siga custodiando obras de tanto valor como o Códice?”.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG